Alertan sobre o paso de quads e presenza de cazadores na Vía Verde

Umia
05 de febreiro 2021

Os concellos de Vilagarcía, Caldas de Reis e Portas advirten do elevado perigo que estas prácticas non permitidas na senda supoñen para as numerosas persoas que camiñan por ela. Lembran que se trata dunha vía de uso preferentemente peonil onde o único vehículo permitido e a bicicleta a velocidade de paseo

Vía verde
Vía verde

Varios veciños dos municipios polos que discorre a Vía Verde do Salnés denunciaron ante os seus respectivos concellos o paso de quads circulando a velocidades bastante elevadas pola senda peonil, así como a presenza de cazadores exercendo esta actividade na zona de paseo.

Tras comprobar a existencia de testemuñas, tanto na parte de Vilagarcía, como nas de Caldas e Portas, os concellos alertaron á Policía e ao Seprona da Garda Civil dunha situación que conleva un grande perigo para as persoas que percorren a diario a vía turística. Para atallar a situación, intensificarase a vixilancia e sancionaranse todos os usos e prácticas indebidas detectadas.

Dende os tres municipios lémbrase que a Vía Verde é unha na senda de uso peonil, onde o único vehículo que se permite é a bicicleta, sempre que circule a velocidade de paseo. As normas están perfectamente indicadas nos paneis que se distribúen ao longo dos algo máis dos 9 quilómetros dos que dispón esta infraestrutura turística, polo que son de sobra coñecidas.

Os responsables municipais apuntan que a Vía Verde do Salnés, é a primeira vía destas características que discorre integramente por territorio galego, e é un recurso turístico moi importante e de gran valor para os tres concellos e as zonas limítrofes debido ao seu atractivo natural, paisaxístico, patrimonial e etnográfico, a maiores de permitir a saudable practica de camiñar ou correr por un espazo natural e ao aire libre.

A suma destas razóns fan que a Vía Verde sexa un lugar moi frecuentado a diario polos veciños dos municipios da zona que se animan a camiñar ou a andar en bici, afluencia que se incrementa as fins de semana coa presenza de moitas familias. O paso de quads e a práctica de caza na senda supón un grave risco para os usuarios, situacións que hai que evitar.