Domingo festivo en Cerponzóns, onde a celebración do Corpus Christi coincidiu co paso do Campionato do Mundo de Tríatlon Multideporte por esta parroquia pontevedresa, creando unha atmosfera única de festa, devoción e espírito deportivo internacional.
Desde as sete da mañá, os membros da Asociación de Alfombristas de Cerponzóns puxéronse mans á obra para crear as tradicionais alfombras florais que engalanaron a contorna da igrexa parroquial.
Un traballo artesanal minucioso que converteu o adro nun tapiz de cores e simbolismo relixioso, preparando o escenario para os actos litúrxicos do día.
Ás 13:15 horas celebrouse a Santa Misa, seguida da procesión tradicional que percorreu as alfombras creadas, nun ambiente de recollida devoción e participación veciñal. Pero o que fixo especial esta edición do Corpus foi a súa conexión co evento deportivo internacional do Multisport que se estaba a desenvolver simultaneamente.
Aproveitando que a proba de longa distancia do Mundial de Tríatlon pasaba pola estrada N-550 ao seu paso por Cerponzóns, o grupo "Gaiteiros das Rías Baixas", que xa amenizara o inicio da xornada festiva cun pasarrúas, trasladouse ata a estrada para animar aos deportistas internacionais.
Os sons tradicionais galegos convertéronse en alento para os triatletas, acompañado polos veciños que saíron a aplaudir o seu esforzo.
A xornada tivo tamén un compoñente emotivo adicional coa homenaxe que a Asociación de Veciños O Chedeiro quixo render ás parellas que celebran ou celebraron as súas Vodas de Ouro durante este ano e anteriores.
Para conmemorar estas cinco décadas de vida en común, creouse especialmente un tema musical titulado "Vodas de Ouro", que foi compartido a través dos grupos de WhatsApp da parroquia, permitindo que toda a comunidade se sumase a esta celebración do amor duradeiro.
