Alfombras florais locen ao paso da procesión da Comuñón Pascual ata San Roque

Pontevedra
12 de abril 2026
Actualizado: 13:46

A comitiva relixiosa percorreu as rúas desde a Basílica de Santa María até a Praza do Campo da Torre co acompañamento do Gremio de Mareantes

Procesión da Comuñón de Pascua (Viático)
Procesión da Comuñón de Pascua (Viático) / PontevedraViva

Pontevedra acolleu este domingo 12 de abril a tradicional Comuñón Pascual, unha cita relixiosa que marca o calendario local durante a oitava de Pascua.

A celebración comezou ás dez da mañá cunha misa na Basílica de Santa María a Maior, seguida dunha procesión que trasladou o sacramento polo centro urbano ata a capela de San Roque.

O desfile relixioso púxose en marcha arredor do once da mañá. O párroco realizou o traxecto baixo palio, acompañado por integrantes do Gremio de Mareantes e unha representación da Escola Naval de Marín.

Durante o percorrido, a comitiva transitou por vías decoradas para a ocasión coas alfombras tradicionais de flores, froito do duro traballo realizado polos veciños durante a madrugada.

Estas alfombras de flores cubriron puntos do itinerario como a rúa Xan Guillermo e a contorna da Praza de Touros, no barrio de San Roque.

Os residentes destas zonas, xunto a outros voluntarios, elaboraron estes tapices naturais para marcar o paso da comitiva. Nestes puntos específicos desenvolvéronse as dúas cerimonias relixiosas previstas dentro do programa da xornada.

Esta festividade, coñecida tamén como 'Pascuilla', responde ao precepto de comulgar en tempo de Pascua. Aínda que se asocia habitualmente co nome de Viático, esta denominación corresponde tecnicamente á comuñón administrada a persoas en perigo de morte.

Como preparación ao acto deste domingo, os sacerdotes visitaron durante os días previos a persoas enfermas da cidade que non puideron desprazarse aos templos durante a Semana Santa.

 

Arquivado en