Máis de 7.000 avais presentou este xoves Alfonso Rueda para formalizar a súa candidatura para presidir do PPdeG tras a saída de Alberto Núñez Feijóo. El será o único candidato ao congreso autonómico que os populares galegos celebrarán en Pontevedra os días 21 e 22 de maio.
Tras entregar os avais asinados polos seus compañeiros de partido, Rueda avanzou que co seu liderado abrirase unha "nova etapa" en Galicia, que estará marcada por un "continuísmo" na xestión do seu antecesor, pero con certos cambios.
"Cada un ten o seu estilo e eu teño o meu propio estilo. O estilo de Feijóo, que era buenísimo, terá continuidade, pero tamén haberá un estilo Rueda", sinalou o actual vicepresidente primeiro da Xunta, que tamén asumirá as rendas do goberno galego.
O dirixente pontevedrés explicou que o respaldo que recibiu de todo o partido demostra que o PPdeG "ten fame" e está "motivado" para seguir sendo a alternativa de goberno en Galicia.
Os populares galegos están "ilusionados, enchufados e comprometidos" coa etapa que se abre agora en Galicia e defendeu que o congreso non se convoca para "elixir bandos" senón para saír deste conclave "máis unidos e ilusionados".
A campaña interna de Rueda, a pesar de ser o único candidato ao congreso autonómico, arrancará este sábado en Lugo e percorrerá as catro provincias galegas. Nela, dixo, "sobre todo vou escoitar, tomar nota e incorporar as achegas".