Alfonso Rueda tomará posesión como presidente da Xunta o 14 de maio

Pontevedra
02 de maio 2022

Xa hai data para a toma de posesión de Alfonso Rueda como presidente da Xunta. Será o vindeiro sábado 14 de maio, dous días despois da votación no Parlamento na que se referendará o seu nomeamento á fronte do goberno galego. A cámara celebrará este pleno de investidura o martes 10 e o xoves 12 de maio

Alfonso Rueda, tras ser recibido por Miguel Santalices no Parlamento
Alfonso Rueda, tras ser recibido por Miguel Santalices no Parlamento / EFE / Lavandeira Jr.

Xa hai data para a toma de posesión de Alfonso Rueda como presidente da Xunta. Será o vindeiro sábado 14 de maio, dous días despois da votación no Parlamento na que se referendará o seu nomeamento á fronte do goberno galego.

A cámara celebrará este pleno de investidura o martes 10 e o xoves 12 de maio, segundo transcendeu tras a rolda de consultas que o presidente do Parlamento, Miguel Santalices, mantivo este luns cos portavoces parlamentarios.

A sesión comezará o martes co discurso de Alfonso Rueda como único asunto e, 48 horas despois, será a quenda das intervencións dos portavoces dos tres grupos parlamentarios, PPdeG, BNG e PSdeG-PSOE.

Así será despois de que os populares formalizasen a proposta para que Rueda suceda a Núñez Feijóo como presidente da Xunta.

O portavoz do PPdeG, Pedro Puy, confía no que o pontevedrés ofrecerá un goberno de "continuidade" á fronte do executivo autonómico, pero avanzou que tamén imprimirá o seu propio "saber facer e a súa forma de actuar".

Sobre a investidura de Rueda, a portavoz do BNG, Ana Pontón, anunciou que os 19 deputados do seu grupo votarán en contra da súa elección, ao entender que é o "secundario" de Alberto Núñez Feijóo e, por tanto, "corresponsable" de deixar unha Galicia "peor da que había en 2009".

Os socialistas, pola súa banda, decidirán o sentido do seu voto nunha reunión da súa executiva e, segundo o seu portavoz, Luís Álvarez, concederán os "días de cortesía mínimos" e escoitarán "atentos" o seu discurso de investidura para ver se seguirá "sendo máis do mesmo".