Alfonso Rueda pide desculpas en nome da Xunta pola desatención do xurado popular no xuízo do crime da rozadora

Pontevedra
12 de xuño 2019

O vicepresidente da Xunta ante a petición do grupo socialista recoñeceu o erro e alegou que era a primeira incidencia que se rexistraba nun xuízo con xurado popular desde que a administración autonómica é responsable da atención ao integrantes do xurado. Indicou que levan 150 xuízos deste tipo e ata agora nunca se detectara un problema

José Luis Viéitez Alonso, acusado de matar o seu veciño cunha rozadoira
José Luis Viéitez Alonso, acusado de matar o seu veciño cunha rozadoira / Mónica Patxot

O grupo socialista no Parlamento de Galicia, a través da deputada Patricia Vilán, denunciaba no pleno o trato "denigrante" que se causou os once integrantes do xurado popular durante o caso do crime da rozadora, que se desenvolveu na Audiencia Provincial de Pontevedra en abril deste ano.

A representante socialista acusou á Consellería de Xustiza de ter convertido nun "calvario" o paso deste xurado popular pola Sección segunda da Audiencia durante o proceso. Relatou que os integrantes quedaran incomunicados durante dúas xornadas de deliberación, sen botellas de auga nin habitacións para durmir. Ademais tiveron que acudir a cear nunha bocatería escoltados pola Policía Nacional despois de rematar ás once da noite.

Vilán culpou o goberno da Xunta de Galicia de actuar con pasotismo ante estas situacións e sinalou que unha das persoas que formaba parte do xurado tiña presentado unha queixa formal ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG). Lamentou tamén que o director xeral de Xustiza tivera a "desfachatez" de cuestionar o traballo do persoal funcionario dos xulgados de Galicia. Indicou, ademais, que se vai celebrar unha xuntanza dos maxistrados do penal co presidente da Audiencia Provincial para tratar as acusacións do director xeral de Xustiza.

Alfonso Rueda, vicepresidente da Xunta e máximo responsable político de Xustiza en Galicia, recoñecía o erro neste caso e pediu desculpas públicas aos integrantes do xurado popular. Sinalou que se abrira un expediente gubernativo no TSXG para investigar as causas destas desatención e depurar responsabilidades. Engadiu que no informe se constataba a falta de previsión do mantemento dos membros do xurado e se omitira unha segunda comunicación que sinalara a prórroga da vista oral.

O vicepresidente da Xunta alegou tamén que, nos 150 casos en que a administración autonómica foi responsable da atención do xurado popular, só se tiña rexistrado esta incidencia. Argumentou que neste xuízo a prórroga dos días inicialmente previstos no procedimento provocou este problema pero, en todo caso, asegurou que non se pode poñer en dúbida o funcionamento do sistema.