Alumnado de Poio afonda nas novas masculinidades e o empoderamento feminino

Poio
31 de marzo 2022

Na última reunión da Mesa Local de Violencia de Xénero, o Concello de Poio deu traslado do IV Plan de Igualdade ás entidades, institucións e forzas de seguridade que forman parte deste órgano

Traballo nun centro educativo
Traballo nun centro educativo / Concello de Poio

Máis de 130 alumnos cuarto curso de ESO e primeiro de Bacharelato participan desde este xoves no proxecto #Desenrédate, unha iniciativa que busca ofrecer á mocidade medidas de sensibilización e información para previr condutas machistas e de violencia contra as mulleres. 

Trátase dunha actividade que forma parte do programa 'O saber das mulleres', organizado pola Concellería de Igualdade do Concello de Poio e polo CIM e desenvolto nas últimas semanas co gallo da conmemoración do Día Internacional da Muller (8 de marzo). 

O alumnado divídese en seis grupos de traballo, realizándose sesións de 50 minutos de duración, que se prolongarán ao longo do vindeiro martes e mércores.

Esta iniciativa, segundo explica a edil delegada da área, Silvia Díaz (Avante Poio), céntrase nas novas masculinidades e no empoderamento feminino. 

Por outra banda, as redes sociais tamén son protagonistas en #Desenrédate, ao contemplar uso de espazos como Instagram ou Tik-tok para a difusión de concursos e dinámicas lúdicas vencelladas á igualdade.

A concelleira responsable deste departamento incide na importancia de impulsar este tipo de iniciativas e accións formativas no tecido educativo, para que "a rapazada e a mocidade poidan atallar e evitar situacións de desigualdade ou violencia machista grazas aos coñecementos que adquiren a través destas sesións", engade Díaz.

Nesta liña tamén se está a desenvolver nos CEIPS de Poio o proxecto 'Conta comigo, Precursora', que inclúe sesións de contacontos, realizados por Polo correo do Vento, para o alumnado de segundo, terceiro e cuarto de Primaria. 

MESA LOCAL DE VIOLENCIA DE XÉNERO

Por outra banda, o pasado mércores a Casa Consistorial acolleu a celebración da Mesa Local de Violencia de Xénero, da que forman parte representantes dos diferentes ámbitos implicados na acción contra a violencia machista no municipio. A sesión serviu para darlles traslado do IV Plan de Igualdade que foi aprobado por unanimidade no Pleno ordinario do pasado mes de febreiro.