Alumnado do Carlos Oroza fórmase sobre a produción e comercialización de licores de Galicia

Pontevedra
29 de marzo 2021

A enóloga e vogal do Consello Regulador de Augardentes e Licores Tradicionais de Galicia, Sonia Otero, impartiu dúas sesións formativas no instituto pontevedrés a estudantes dos ciclos superior e medio de Servizos e Restauración

Seminario formativo sobre licores tradicionais de Galicia no  CIFP Carlos Oroza
Seminario formativo sobre licores tradicionais de Galicia no CIFP Carlos Oroza / Consejo Regulador de Aguardientes y Licores Tradicionales de Galicia

O alumnado de segundo curso dos ciclos superior de Dirección de Servizos e Restauración e medio de Servizos do CIFP Carlos Oroza de Pontevedra participa en xornadas formativas sobre os augardentes e licores tradicionais de Galicia impartido pola vogal do Consello Regulador e enóloga, Sonia Otero.

Cada unha das sesións contou cunha parte teórica e outra práctica. A primeira centrouse en informar sobre as principais funcións do Consello Regulador, así como dos seus produtos amparados baixo as catro indicacións xeográficas protexidas: IG Orujo de Galicia, IG Augardente de Herbas de Galicia, IG Licor de Herbas de Galicia e IG Licor Café de Galicia.

Xa na parte práctica, o alumnado tivo a oportunidade de degustar ata catro augardentes amparados elaborados con diferente variedade de uva (albariño, godello, mencía e a híbrida da zona do Ulla) para comprobar os matices distintivos da materia prima utilizada no proceso de destilación. O bagazo envellecido e o licor café formaron tamén parte das catas prácticas realizadas. "Só se permite o uso das variedades arábica e robusta. Está prohibido a utilización de café de torrefacto”, concretou Sonia Otero sobre un dos licores galegos máis populares.

A sesión rematou cunha recomendación por parte da relatora: "Na vosa profesión deberedes buscar a excelencia e, para iso, o coñecemento sobre os produtos de calidade diferenciada é fundamental. Para iso, deberedes comprobar que os destilados leven a contraetiqueta das Indicacións Xeográficas dos Augardentes e Licores Tradicionais de Galicia. Son a garantía de que están elaborados de acordo a uns máximos de calidade e certifican que son 100% galegos: desde a uva ata a comercialización".