Estudantes do Carlos Oroza e de Vitoria intercambian receitas tradicionais galegas e vascas

Pontevedra
05 de maio 2021

No mes de maio, o CIFP Carlos Oroza realizará diversas actividades coa escola vitoriana Gamarra, nas que se inclúe unha xornada na que os estudantes pontevedreses cociñarán pratos vascos como marmitako, bacallau ao pil-pil ou goxua, e os vascos receitas tan nosas como a empanada de bacallau, a carne ao caldeiro ou as filloas con mel

Showcooking de alumnos do Carlos Oroza en Etiqueta Negra
Showcooking de alumnos do Carlos Oroza en Etiqueta Negra / Cristina Saiz

O Centro Integrado de Formación Profesional Carlos Oroza de Pontevedra realizará neste mes de maio unhas xornadas de intercambio cultural e gastronómico coa escola vasca de hostalaría Gamarra.

Este mércores 5 de maio dará comezo a primeira actividade, que consiste en diferentes demostracións do uso de produtos galegos con denominación de orixe (DO) e indicación xeográfica protexida (IXP), en colaboración cos diferentes técnicos de cada unha delas e algún coñecido cociñeiro. Esta primeira xornada estará protagonizada pola 'Ternera Gallega IXP'. Ao longo do mes de maio haberá demostracións de queixos, lacón, grelos, fabas, patacas ou mel.

A segunda das actividades será un menú vasco que o alumnado galego do CIFP Carlos Oroza desenvolverá na sede do centro o 13 de maio. Simultaneamente o alumnado vasco estará desenvolvendo o seu menú galego na escola de Gamarra, en Vitoria-Gasteiz, durante os días 13 e 14 de maio. Deste xeito, en Euskadi poderán reproducir receitas tan nosas como a empanada de bacallau, a carne ao caldeiro, o lacón con grelos ou as filloas con mel, entre outras. E o alumnado pontevedrés cociñará preparacións como talos con txistorra, marmitako, bacallau ao pil-pil ou o doce goxua.

A terceira das actividades será o 14 de maio, día no que a asociación vasca Slow Food Araba realizará unha visita ao centro pontevedrés para coñecer o funcionamento da Horta Oroza e a colaboración coa compostaxe do plan Revitaliza. Así mesmo, aproveitarán para realizar unha presentación de produtos alaveses para un grupo de profesionais.

O pasado ano, pouco antes do inicio da pandemia, realizouse esta primeira experiencia de intercambio na que un grupo de 32 estudantes do Carlos Oroza achegouse a coñecer a actividade do centro de hostalería Gamarra Ostalarizta Eskola. Previamente, dous profesores desta escola vitoriana visitaran o Carlos Oroza para coñecer o funcionamento da horta do centro co fin de adaptala ás súas instalacións.

O que pretendía ser un intercambio de estudantes e profesores con estadías en ámbalas dúas escolas tivo que mudar neste formato a distancia, en cumprimiento das recomendacións das autoridades sanitarias.