Alumnado do Carlos Oroza leva á praza da Pedreira a súa 'cociña viaxeira'

Pontevedra
24 de maio 2022

O exterior do Pazo de Mugartegui foi o escenario dun xantar con produtos de Galicia preparado por un grupo de alumnado e profesorado do CIFP Carlos Oroza dentro do proxecto 'Cociñas viaxeiras', co que agasallaron a estudantes de hostalería de Portugal tras finalizar unha etapa do Camiño Portugués a Santiago

'Cociñas viaxeiras' co alumnado do CIFP Carlos Oroza
'Cociñas viaxeiras' co alumnado do CIFP Carlos Oroza / Mónica Patxot

O proxecto de 'Cociñas viaxeiras', que desenvolve o Centro de Hostalería Carlos Oroza (CIFP Carlos Oroza) de Pontevedra en colaboración coas escolas de hostalería da rede Turismo de Portugal para o intercambio gastronómico e cultural entre o alumnado e profesorado das escolas participantes, recalou este martes na praza da Pedreira.

Un grupo de alumnado e profesorado representantes das escolas de hostelería e turismo de Viana do Castelo, Oporto, Lamego e Braga, xunto cun grupo de alumnado do CIFP Carlos Oroza, percorreu unha etapa do Camiño Portugués a Santiago desde Arcade ata Pontevedra. Saíron ás 10 da mañá e remataron a peregrinaxe contra as 13:30.

Fronte ao Pazo de Mugartegui agardábanos as mesas con petiscos preparados maioritariamente con produto galego por un grupo de estudantes do primeiro curso, xa que os do segundo están neste período do ano facendo as súas prácticas fóra do centro.

"Este é un programa de cooperación coas escolas de hostelería do norte de Portugal desde o ano 2013. Nestas 'Cociñas viaxeiras no Camiño de Santiago' facemos dúas etapas: a de este ano, que houbo que retrasar pola pandemia, é Arcade-Pontevedra, e facemos o encontro aquí na Pedreira entre alumnos do Carlos Oroza e das escolas do norte de Portugal. Logo o ano que vén continúa para facer unha etapa entre Padrón e Santiago, onde tamén faremos un evento", explicaba Manuel Hermo, o director do CIFP Carlos Oroza.

Ata a praza da Pedreira tamén se achegou o alcalde de Pontevedra Miguel Anxo Fernández Lores coa concelleira de Promoción Económica Yoya Blanco e a edil de Sostemento de Espazos Urbanos, Eva Vilaverde. Ao grupo uníuselle máis tarde a vicedirectora do centro, Pilar Tallón, unha vez rematada a etapa da Ruta Xacobea, na que acompañou a un grupo de estudantes.  

Pilar Tallón avanzaba que esta actividade é a continuación da iniciada no ano 2019, "na que percorrimos a etapa entre Castelo do Neiva e Viana do Castelo, estaba prevista para desenvolverse en abril de 2020, pero tivo que ser cancelada por mor da pandemia. Agora retomamos este hermanamento a través das 'Cociñas viaxeiras e do Camiño de Santiago' con moita ilusión e ganas de que teña a continuidade desexada, e podamos seguir facendo etapas coas escolas portuguesas ata chegar a Santiago".

MENÚ CON PRODUTOS GALEGOS

Por parte do CIFP Carlos Oroza participaron 40 alumnos, na cociña, e 20 facendo a camiñada. Estes últimos organizáronse en grupos para coordinarse cos 40 compañeiros lusos que fixeron o treito do Camiño Portugués que finaliza en Pontevedra.

O menú foi coordinado polos profesores de cociña Paco Moreno, Paco Orge e Jorge Verdeal. En canto ás bebidas, a supervisión correu a cargo dos profesores de cóctel e sala: Marcel Schaal, Carlos Rodríguez e Alejandro Loimil.

Servíronse dous cóctels creados polo alumnado: un mojito galego, denominado así por levar licor café, aínda que o ingrediente alcohólico estaba reservado nunhas pequenas pipetas para que cada quen o engadise ao gusto; e un San Francisco composto por zume de piña, laranxa e pexego, granadina e pedras de xeo. Así mesmo, entre os comensais repartiuse un picado de limón con palla de papel.

En canto aos petiscos, houbo dende a tradicional empanada de atún ata elaboracións máis sofisticadas como mini burguers de tenreira galega con queixo de Arzúa, tosta de xarda en escabeche, bambao de pulled pork (pan ao vapor con carne de porco esmigallada), tacos de polo con toque picante, ensalada de pasta e mini ensala vexetariana.

Nas sobremesas impúxose a tradición galega, coa presenza do leite frito, filloas recheas, rosquillas, bica e espetos de froita.