Este xoves, 30 de marzo, un equipo de sete alumnos do Sagrado Corazón de Placeres participaron na final autonómica do Rally Matemático Sen Fronteiras, que este ano celebraba a súa XXV edición.
A final celebrouse na Facultade de Químicas da Universidade de Santiago; e puxo o broche a un concurso, lanzado desde a Institución Galega de Ciencia, onde participaron algo máis de 1.200 alumnos da nosa comunidade. Cada equipo debía de enfrontarse, traballando cooperativamente, a unha serie de desafíos matemáticos da forma máis precisa posible nun tempo de 1 hora.
Concretamente, o equipo encabezado pola alumna de 4º ESO Laura Acevedo, lograra a súa clasificación o pasado 14 de marzo nunha primeira fase, que servía para seleccionar aos tres mellores grupos de Galicia en cada un dos catro niveles da Educación Secundaria Obrigatoria (de 1º a 4º de ESO).
Na final enfrontáronse aos equipos do IES A Cachada de Boiro e do IES Rosalía de Castro de Santiago. Tras a proba final, e na que había algún exercicio con límite de tempo para a súa resolución, os alumnos visitaron algunhas das instalacións da facultade. O equipo santiagués foi quen levou o gato á auga, e quen representará a España na competición que a finais de maio terá lugar na cidade francesa de Toulouse.
A pesar de non gañar, desde o instituto pontevedrés consideran que foi unha "experiencia enriquecedora" tanto para os alumnos que chegaron á final como para os que participaron na fase previa. "Esperamos que actividades como esta animen aos adolescentes para ver as matemáticas e outras ciencias doutro xeito. Tamén se trata de que vexan a importancia do traballo en equipo para conseguir as súas metas futuras", apuntan desde a dirección do Sagrado Corazón de Placeres.