Un centenar de escolares do colexio Sagrado Corazón de Placeres realizaron un percorrido pola parroquia ata chegar aos montes veciñais en man común de Lourizán. Nese punto acompañados polo vicepresidente da Comunidade de Montes de Lourizán e presidente da Mancomunidade de Montes de Pontevedra, Iván Pérez Berjano, iniciaron unha senda polo espazo natural e arqueolóxico dos Sete Camiños.
Os estudantes realizaron traballos de limpeza eliminando especies invasoras como o eucalipto nunha zona de plantación de diversas especies frondosas denominada o 'Paseo das Caducifolias', segundo informan desde o centro escolar.
Con esta actividade, o centro tenta concienciar os alumnos da necesidade de conservar e recuperar os espazos naturais. A proposta tenta que coñezan o papel que desenvolven as comunidades de montes veciñais como responsables dun 50% da superficie forestal da provincia.