Bueu aproba unha moción para reducir o eucalipto nos montes

Bueu
03 de maio 2017

A corporación municipal de Bueu celebraba este martes a sesión plenaria coa aprobación da moción do grupo ACB-SON na que se reclama a defensa da biodiversidade dos montes galegos e a paralización das plantacións de eucaliptos

Pleno de Bueu
Pleno de Bueu / Concello de Bueu

A corporación municipal de Bueu celebraba a sesión plenaria de maio na que se aprobaba unha moción do grupo ACB-SON sobre a defensa da biodiversidade dos montes galegos e a paralización das plantacións de eucaliptos.

A moción pedía a inscrición do eucalipto no Catálogo de Especies Exóticas e Invasoras do Estado, ademais de paralizar novas plantacións, eliminar esta especie de espazos sensibles ou instar as administracións a que se doten de orzamento destinado a conceder axudas para o cumprimento destas medidas.

A moción contou co apoio do propio grupo que a presentaba, ademais do BNG e do PSOE.

A segunda moción que se debatía no pleno deste martes referíase á apertura de diálogo entre o parque de maquinaria e a Deputación provincial. A proposta foi presentada tamén polo portavoz de ACB-SON e apelaba á resolución do conflito cos traballadores.

O concelleiro de novas tecnoloxías e deputado de Cultura, Xosé Leal, interveu sinalando que non existe ese conflito e que todo se reduce a unha regularización dunha situación ilegal dunha parte destes traballadores. Insistiu en que o diálogo nunca chegou a pecharse e que se levaron a cabo varias negociacións.

A moción só contou cos votos favorables de ACB-SON. BNG e PSOE, que forman cogobierno na institución provincial, votaron en contra, mentres que o PP abstívose.

No pleno tratouse tamén unha comunicación da alcaldía relativa á toma de razón anticipada ao cargo de Ramón Cerviño, que será nomeado concelleiro do PP, tras a dimisión de Berta Pérez.