Alumnos do Sagrado Corazón de Placeres premiados no Rally Matemático

Pontevedra
31 de marzo 2017

A final celebrouse na Facultade de Químicas da Universidade de Santiago; e puxo o broche a un concurso, lanzado desde Intitución Galega de Ciencia, onde participaron algo máis de 1.200 alumnos da nosa Comunidade. Cada equipo debía de enfrontarse, traballando cooperativamente, a unha serie de desafíos matemáticos da forma máis precisa posible nun tempo de 1 hora

Sete alumnos do Sagrado Corazón de Placeres participaron na Final Autonómica do Rally Matemático Sen Fronteiras Sagrado Corazón de Placeres

Este xoves, 30 de marzo, un equipo de sete alumnos do Sagrado Corazón de Placeres participaron na final autonómica do Rally Matemático Sen Fronteiras, que este ano celebraba a súa XXV edición.

A final celebrouse na Facultade de Químicas da Universidade de Santiago; e puxo o broche a un concurso, lanzado desde a Institución Galega de Ciencia, onde participaron algo máis de 1.200 alumnos da nosa comunidade. Cada equipo debía de enfrontarse, traballando cooperativamente, a unha serie de desafíos matemáticos da forma máis precisa posible nun tempo de 1 hora.

Concretamente, o equipo encabezado pola alumna de 4º ESO Laura Acevedo, lograra a súa clasificación o pasado 14 de marzo nunha primeira fase, que servía para seleccionar aos tres mellores grupos de Galicia en cada un dos catro niveles da Educación Secundaria Obrigatoria (de 1º a 4º de ESO).

Na final enfrontáronse aos equipos do IES A Cachada de Boiro e do IES Rosalía de Castro de Santiago. Tras a proba final, e na que había algún exercicio con límite de tempo para a súa resolución, os alumnos visitaron algunhas das instalacións da facultade. O equipo santiagués foi quen levou o gato á auga, e quen representará a España na competición que a finais de maio terá lugar na cidade francesa de Toulouse.

A pesar de non gañar, desde o instituto pontevedrés consideran que foi unha "experiencia enriquecedora" tanto para os alumnos que chegaron á final como para os que participaron na fase previa. "Esperamos que actividades como esta animen aos adolescentes para ver as matemáticas e outras ciencias doutro xeito. Tamén se trata de que vexan a importancia do traballo en equipo para conseguir as súas metas futuras", apuntan desde a dirección do Sagrado Corazón de Placeres.