"Caótico", "despropósito", "terceiromundista", "desesperante", "incerteza", "insosteible" ou "esgotamento". Son algunhas das expresións que utilizan os usuarios habituais do servizo de transporte público que presta a empresa Monbus entre Marín-Vigo e Pontevedra-Vigo.
Tras meses presentando queixas por incidentes puntuais, confirmaron que a situación é xa xeneralizada e acaban de realizar unha serie de escritos que remitiron á propia empresa, á Consellería de Presidencia da Xunta como responsable de Mobilidade, ao Instituto de Consumo de Galicia e ao Concello de Marín, relatando a súa realidade diaria e esixindo solucións.
Os escritos subscríbenos un grupo de veciños e veciñas de Marín que acoden a Vigo a diario a traballar, pero entre as queixas presentadas nos últimos meses tamén hai moitas de usuarios de Pontevedra, que non dubidan en indicar a PontevedraViva que o problema non é só o mal funcionamento do servizo, senón, no caso de Vigo, o "trato indignante por parte do persoal, sen ningún tipo de información e con constantes cambios nos protocolos".
En nome dos afectados de Marín fala Pilar García, que denuncia "irregularidades con prexuízo para os usuarios dese transporte", sendo o principal que é habitual que queden tirados na parada da Praza de España ao final da súa xornada laboral, ás 15.30 horas.
O autobús "pasa cheo ou case cheo, moitas veces non fai a parada, non dá explicacións" e, cando a fai, non hai oco para todos e os que utilizan o cartón mensual de Monbus, que non permite reserva de billete, quedan en terra.
Situacións similares viven os usuarios de Pontevedra, que, no seu caso collen o autobús na propia estación ás 15.35 horas.
"A situación é caótica, chegas a unha estación na que hai mil colas que despois se van separando entre a xente que ten billete e que entra antes no bus e a que non ten que normalmente queda fóra, sen sitio, tendo que esperar ao seguinte, que salgue 40 minutos despois". Súmanlle que "moitos días" e esta mesma semana chegaron a saír con 45 minutos de atraso.
A preguntas de PontevedraViva, a Consellería de Presidencia, responsable da adxudicación do servizo, recoñece que a Xunta "ten constancia das queixas inscritas nos servizos interurbanos entre Marín, Pontevedra e Vigo" e xustifica que esta situación se debe "principalmente" ao "incremento inesperado da demanda" do servizo tras a finalización dos abonos gratuítos de Renfe, que levou as moitas persoas usuarias a optar polo autobús como alternativa de desprazamento.
Desde Monbus, fontes oficiais da empresa aseguran que "todas as necesidades están cubertas", aínda que non descartan "algún desaxuste puntual" ou "incidentes" puntuais no servizo, sobre todo neses momentos de última hora da mañá nos que terminan as xornadas laborais e a demanda crece.
Aseguran que actuaron en todos os servizos nos que detectaron "necesidade de reforzos".
Os usuarios négano. Aseguran que eses reforzos non existen. Así, por exemplo, no servizo Vigo-Pontevedra das 15.35 até antes do verán había, pero agora xa non.
Cóntao unha usuaria que leva traballando en Vigo 8 meses. "Ao principio funcionaba ben, pero desde o verán empeorou até chegar a unha situación insosteible na que nunca sabes se vas chegar a traballar á hora ou vas poder ir recoller ao teu fillo ao colexio á volta", asegura.
Desde Marín, Pilar confirma que polas mañás salguen dous autobuses cara a Vigo, un cara á Praza de España e outro cara ao Meixoeiro. Con todo, á volta, ás 15:30 horas, "o que pola mañá necesita 2 autobuses", de regreso "sempre pasa un só" e, cando chega á Praza de España está xa completo cos traballadores dos hospitais Meixoeiro ou Álvaro Cunqueiro.
O venres 3 e o martes 7 de outubro o autobús "nunca chegou". O luns 6, só puido recoller a catro persoas, quedando 15 na parada e, ademais, o condutor díxolles "que teriamos outro autobús á noite".
A Xunta, pola súa banda, asegura que está a facer un seguimento da situación e "avaliando posibles medidas" para mellorar a atención á demanda nos tramos con maior ocupación.
Desde Presidencia lembran que Monbus dispón dun sistema que permite reservar praza na súa páxina web con antelación tanto co Cartón de Mobilidade de Galicia (TMG) como co Cartón Xente Nova (TXN), pero a xente que realiza estas queixas é usuaria habitual e ten bono mensual e a eles non lles permiten realizar reserva previa de praza online para poder garantirse un oco.
"É vergoñoso que os que pagamos previamente cada mes a esa empresa por un servizo, tamén pagado por diñeiro público, quedemos en terra un día tras outro. Cada día vemos como soben antes que nós todas as persoas que non abonaron nada previamente, sempre quedamos de últimos á hora de embarcar", quéixase unha usuaria de Pontevedra.
Ese cartón só vale para un traxecto, de modo que, por exemplo, os que van desde Marín e quedan tirados na Praza de España, si van á estación para coller un autobús até Pontevedra e logo outro até Marín, teñen que pagar o billete, "soportando dous gastos de viaxe a maiores, ademais da molestia, a perda de tempo e de prexudicar a vida da xente que conta cun servizo que non se presta".
Quéixanse tamén de que na estación de Pontevedra non lles permiten trocar o seu bono por un billete, de modo que non poden reservar a praza. En Santiago, por exemplo, si poden facelo, e en Vigo poderían si fixéseno con antelación na estación, pero non online nin tampouco na propia estación se chegan con menos de 10 minutos de antelación. Como traballadores que acaban de saír do seu posto de traballo, aseguran que o habitual é que cheguen con menos marxe e quedan sen opción de reservar a praza.
Falan de que este mal funcionamento prexudica a decenas de persoas, "trastornando a súa vida" e facendo que "un día laboral de 7 ou 8 horas convértese en 12 ou 14 horas".
Así, os usuarios de Marín nos seus escritos quéixanse de que "unha liña regular de curta ou media distancia para traballadores non pode condicionar a vida das persoas traballadoras, especialmente cando é un traxecto con moita afluencia de usuarios". No seu caso, é a única liña que fai o percorrido de Vigo-Marín.
O foco pono os usuarios na empresa e tamén na Xunta, pois "Monbus recibe subvencións" e ten unha concesión outorgada polo goberno autonómico.