Amigos de Galicia axuda cada mes a 26 familias necesitadas do Grove

O Salnés
23 de novembro 2016

O Concello do Grove e a Fundación Amigos de Galicia acaban de renovar o convenio de colaboración que lles permite axudar ás familias do municipio en situación de necesidade

Actividade da Fundación Amigos de Galicia
Actividade da Fundación Amigos de Galicia

O Concello do Grove e a Fundación Amigos de Galicia acaban de renovar o convenio de colaboración que lles permite axudar ás familias do municipio en situación de necesidade.

O alcalde do Grove, José Antonio Cacabelos, e o director da fundación, Jesús Busto, renovaron este mércores o convenio, que se enmarca no Plan Integral pola Integración Social e contra a Exclusión, con atención prioritaria á infancia.

A Fundación Amigos de Galicia atende ás familias do municipio que teñen graves carencias económicas e cobre as súas necesidades básicas coa repartición de alimentos, roupa ou material escolar. Cada mes, cada unha destas familias, recibe un paquete con produtos básicos de primeira necesidade e produtos frescos como iogures, verduras ou froitas. Tamén reciben produtos de hixiene e limpeza do fogar e vestimenta. 

Desde xaneiro do 2016 ata novembro, a Fundación Amigos de Galicia, en colaboración cos servizos sociais do municipio, atendeu unha media de 26 familias ao mes, o que implica unha media de 52 adultos e 31 menores. A entidade repartiu entre xaneiro e outubro axuda por valor de 59.267,51 euros.