Miles de persoas asistiron na mañá deste domingo 14 de novembro ata Santiago de Compostela, convocadas pola Plataforma SOS Sanidade Pública, para reclamar máis investimentos no sistema sanitario e, principalmente, na Atención Primaria.
Entres os participantes atopábanse numerosas persoas procendentes da área sanitaria de Pontevedra-O Salnés. A cidade de Pontevedra estivo representada por integrantes da Federación de Veciños Castelao e polo alcalde da capital, Miguel Anxo Fernández Lores.
Tampouco faltaron profesionais sanitarios dos Puntos de Atención Continuada (PAC) para reivindicar mellores condicións laborais para atender aos pacientes. Foi numerosa tamén a presenza de colectivos e veciños da parroquia de Seixo, en Marín, que reclaman que se cubra a baixa dun dos médicos do Centro de Saúde e non atopan satisfactoria a solución de compartir unha facultativa co Centro de Saúde de Marín, que implantou a xerencia da área sanitaria.
Representantes dos distintos sindicatos e das agrupacións políticas, salvo o Partido Popular, encheron a Praza da Quintana nunha protesta masiva. Á marcha asistían a portavoz do BNG, Ana Pontón, ademais de Valentín Formoso, novo secretario do PSdeG.
O médico Manuel Martín, portavoz da Plataforma SOS Sanidade Pública, alertou do perigo de que desapareza a Atención Primaria do sistema público de saúde. A portavoz do Movemento Galego de Saúde Mental, Rosa Cerqueiro, foi a encargada de ler o manifesto e denunciou que a falta de investimentos destinados pola Consellería de Sanidade á Atención Primaria ha provocado atraso no diagnóstico de enfermidades graves e atrasos de semanas nas consultas presenciais. Reclamou que se destine o 25% do orzamento do gasto sanitario en Galicia á Atención Primaria.