A Plataforma pola Defensa do Centro de Saúde de Seixo levou a cabo este mércores a colocación de pancartas para denunciar os recortes na atención sanitaria que afectan o municipio de Marín. Este movemento que agrupa a vinte colectivos das parroquias de San Tomé de Piñeiro, O Campo, Seixo e Ardán, pide á alcaldesa María Ramallo que faga presión a través do PP na Xunta para que se busquen solucións.
A idea de instalar estas pancartas, unha delas situada diante do edificio do Concello, busca alertar ás autoridades sanitarias de que en Nadal tamén "enfermamos", indican desde a Plataforma que lidera Iria Aboi.
Aseguran que a semana pasada, a xerencia da área sanitaria cancelou as citas da doutora, ao atoparse de baixa, que cobre a cota do facultativo xubilado dous días á semana en Seixo e tres en Marín. Desde a Plataforma culpan á xerencia de José Ramón Gómez desta situación ao entender que "a súa política e a da Consellería é non contratar e así non se cobren baixas, permisos nin xubilacións, que é a orixe do problema en Seixo, desde fai máis de cinco meses".
Insisten en pedir un segundo médico a tempo completo no Centro de Saúde de Seixo. Sinalan que se está deteriorando a atención primaria e servizos como Radioloxía, con pacientes que esperan case tres meses para recibir información dunha placa.
Representantes deste colectivo tamén presentaron un escrito por rexistro demandando á alcaldesa que conteste por escrito con información da súa axenda en relación coas reunións oficiais que mantivo para tratar a situación sanitaria do Concello. Esixen saber os días, horas, asistentes e acordos alcanzados para saber desas xestións "das que tanto presumiu na prensa e das que aínda non deu conta publicamente". Culpan a Ramallo de incumprir a ordenanza municipal de transparencia, despois de comprobar que a alcaldesa mantivera un encontro no Centro de Saúde de Seixo.
A Plataforma indica que se manterán activos porque a veciñanza está "farta de que se xogue co seu dereito á saúde" e continúe sufrindo atrasos na atención médica.