Amplían á conca do Verdugo e o Oitavén a prealerta pola seca, que se mantén no Lérez

Ponte Caldelas
23 de setembro 2022

Á situación de prealerta no río Lérez e o sistema de abastecemento de auga de Pontevedra, que se mantén activa desde o pasado mes de xullo, a oficina técnica da seca sumou a conca dos ríos Verdugo e Oitavén

O Río Verdugo, en Ponte Caldelas
O Río Verdugo, en Ponte Caldelas / Mónica Patxot

Á situación de prealerta no río Lérez e o sistema de abastecemento de auga de Pontevedra, que se mantén activa desde o pasado mes de xullo, a oficina técnica da seca sumou a conca dos ríos Verdugo e Oitavén.

Esta situación de escaseza vén determinada, en gran medida, pola capacidade do encoro de Eiras para garantir o abastecemento a todos os concellos que se fornecen desde el, segundo recollen os informes de Augas de Galicia.

A pesar de ser o maior de Galicia e dispoñer actualmente dunha ocupación do 73%, a preocupación dos técnicos vén derivada pola imposibilidade actual de aproveitar a auga dispoñible cando os valores do encoro baixan do 37%.

Esta decisión adoptouse tras analizar a situación en cada un dos sistemas de explotación, tendo en conta os caudais medios diarios circulantes do 15 de setembro.

A anomalía hidrolóxica deste ano, segundo recollen os informes, provoca que sigamos en valores inferiores habituais para esta época do ano, un 30% por baixo da media do últimos dez anos, observándose un pico moi puntual debido ás choivas da semana pasada.

Estas choivas serviron para evitar a baixada dos indicadores nalgunhas zonas ou para manterse estables, sendo a zona norte da demarcación Galicia-Costa a que presenta unha mellor situación, aínda que non suficiente para saír da situación de seca prolongada.

No que se refire á ocupación actual dos encoros de abastecemento da Demarcación Hidrográfica Galicia-Costa sitúase, a data 19 de setembro, no 61,58%, un 13% inferior á ocupación media histórica e un 17% inferior aos valores de 2021.

Ante esta situación, as autoridades reiteran o seu chamamento a un consumo responsable da auga, evitando usos innecesarios como o enchido de piscinas, o lavado de coches ou os baldeos de rúas, para garantir o abastecemento e o mantemento do caudal ecolóxico.