Un incendio mobilizou a última hora deste sábado 20 de setembro os efectivos de emerxencia da cidade.
O suceso tivo lugar no edificio número 10 da Rúa Profesor Filgueira Valverde, na esquina coa rúa Eduardo Pondal, en pleno centro de Pontevedra.
O lume afectou a parte dunha vivenda do citado edificio, no terceiro piso do mesmo.
Con todo a rápida intervención dos Bombeiros evitou a súa propagación. De feito non foi necesario desaloxar o bloque de vivendas nin tampouco o hotel contiguo ás mesmas.
Segundo testemuñas presenciais nesa zona do piso afectado, con xanela cara a Eduardo Pondal, situaríase o cuarto da caldeira xunto á cociña.

Os servizos de emerxencia recibiron a chamada de alerta ás 20.23 horas deste sábado.
Rapidamente mobilizáronse dúas unidades dos Bombeiros e tamén efectivos da Policía Local, Policía Nacional e do 061.
A situación do edificio, nunha zona especialmente transitada da cidade, provocou unha importante expectación de veciños e curiosos.
