Ana María Ortiz, primeira muller á fronte da Subdelegación do Goberno en Pontevedra

Pontevedra
27 de xaneiro 2017

A actual secretaria territorial da Xunta de Galicia en Pontevedra tomará posesión do cargo o vindeiro mércores 1 de febreiro nun acto previsto na propia sede da Subdelegación do Goberno

Ana María Ortiz, nova subdelegada do Goberno en Pontevedra
Ana María Ortiz, nova subdelegada do Goberno en Pontevedra

Antonio Coello Bufil xa ten substituta á fronte da Subdelegación do Goberno en Pontevedra. Tras dous meses co cargo baleiro por mor da súa xubilación, este venres desvelouse quen é a nova responsable. A actual secretaria territorial da Xunta de Galicia en Pontevedra, Ana María Ortiz, será a primeira muller en ocupar este posto. 

A que ata agora era número 2 do delegado territorial da Xunta en Ponteveda, José Manuel Cores Tourís, tomará posesión do cargo o vindeiro mércores 1 de febreiro nun acto previsto na propia sede da Subdelegación do Goberno na praza de España da capital. 

Ana María Ortiz ten 53 anos e é xa a terceira responsable deste cargo chegada desde Vigo, tras Antonio Coello e Delfín Fernández, aínda que neste caso ela xa ten vínculos profesionais coa cidade de Pontevedra, pois desde o ano 2009 é secretaria territorial da Xunta e traballa desde a sede da administración autonómica en Campolongo. Durante varios meses de 2016 mesmo foi delegada territorial en funcións cando Cores Tourís presentouse ás eleccións autonómicas na candidatura do PP por Pontevedra.

Funcionaria de carreira do corpo superior de administración da Xunta de Galicia, ten unha ampla experiencia profesional como subdirectora xeral de Familia, secretaria provincial da Consellería de Educación en Ourense e secretaria provincial da Consellería de Agricultura en Pontevedra. Ademais, entre 2006 e 2009 foi secretaria da comisión de xustiza gratuíta en Vigo e letrada do Servizo de Mediación Arbitraxe e Conciliación (SMAC). 

Licenciada en Dereito pola Universidade de Santiago de Compostela e doutorada pola Universidade de Vigo, a súa formación académica completouse cun máster de Prevención de Riscos Laborais pola Universidade Politécnica de Cataluña e un diploma de directiva pola o Escola Galega de Administracións Públicas (EGAP).