Ana Pastor asegura que non se moverá "ni un arbusto" para construír a A-57 sen ter o visto bo ambiental

Pontevedra
03 de agosto 2014

A ministra de Fomento afirmou que o proxecto está actualmente cos trámites ambientais necesarios para que se poida licitar a obra, de forma que as afeccións sexan as mínimas posibles. Neste sentido, insistiu en que "yo no muevo ni un arbusto sin que tenga todo el OK medioambiental" e avanzou que se non se logra este visto e prace "no se empieza nada"

A Plataforma Salvemos A Fracha marcou o trazado da A-57
A Plataforma Salvemos A Fracha marcou o trazado da A-57

O proxecto para a construción da circunvalación de Pontevedra continúa coa súa tramitación administrativa. Así o confirmou a ministra de Fomento, Ana Pastor, que recordou a importancia desta infraestrutura dentro da rede de mobilidade no ámbito da capital da provincia, "la única ciudad de España que no tiene circunvalación", segundo ela mesma destacou.

"A veces tardo hasta media hora para llegar a mi casa y como a mi le pasa a mucha gente", afirmou Ana Pastor, que subliñou que o obxectivo que busca con esta actuación o ministerio que dirixe é que Pontevedra "no sufra los efectos de los atascos y el tráfico". Para iso asegurou que Fomento mantén o "máximo diálogo" coas institucións, especialmente co Concello de Pontevedra porque "queremos que vaya adelante".

O primeiro tramo da futura circunvalación de Pontevedra, entre Vilaboa e A Ermida (Marcón) terá un presuposto de 87,8 millóns de euros e contará cun total de catro viadutos nos seus 6.560 metros de lonxitude. Formará parte da futura A-57 e pretende ser a alternativa de gran capacidade á estrada N-550. Completarase cos tramos A Ermida-Pilarteiros e Pilarteiros-Barro, coa conexión final coa AP-9 en Curro.

Esta infraestrutura xerou un forte rexeitamento nas parroquias polas que atravesa. Un descontento canalizado a través da plataforma Salvemos a Fracha, que ademais de cualificar A-57 como un proxecto innecesario, denuncia o dano que producirá este vial no ecosistema da zona.

A eles dirixiuse expresamente a ministra de Fomento cando afirmou que o proxecto está actualmente cos trámites ambientais necesarios para que se poida licitar a obra, de forma que as afeccións sexan as mínimas posibles. Neste sentido, insistiu en que "yo no muevo ni un arbusto sin que tenga todo el OK medioambiental" e avanzou que se non se logra este visto e prace "no se empieza nada".

Arquivado en