Ana Pastor compromete en Vilagarcía unha conexión directa de Alta Velocidade con Madrid

O Salnés
04 de maio 2016

Así o anunciou este mércores a ministra de Fomento en funcións, Ana Pastor, ao alcalde de Vilagarcía, Alberto Varela, nunha reunión na Subdelegación do Goberno en Pontevedra

Estación de tren de Vilagarcía
Estación de tren de Vilagarcía / Juan Mejuto

Vilagarcía terá unha conexión directa a Madrid a través da alta velocidade ferroviaria no horizonte do ano 2018. Así o anunciou este mércores a ministra de Fomento en funcións, Ana Pastor, ao alcalde de Vilagarcía, Alberto Varela, nunha reunión na Subdelegación do Goberno en Pontevedra.

Segundo informou o Concello a través dun comunicado, o encontro durou algo máis dunha hora, na que Varela defendeu a súa demanda dun enlace directo en tren dende Vilagarcía a Madrid atendendo á entidade poboacional á que dá servizo a estación de ferrocarril da cidade, que suma uns 100.000 habitantes da comarca. O alcalde destacou tamén a importancia e nivel de usuarios cos que xa de por si conta esta estación. 

O segundo tema na axenda era a intermodalidade da estación, unha actuación que considera esencial para o desenvolvemento económico de Vilagarcía e tamén da súa área de influencia. Demandoulle a inclusión da estación no plan de intermodalidade que se levará a cabo en varias cidades de España a través de fondos europeos.

Ao respecto, a ministra de Fomento comunicou que se concretará unha reunión a tres bandas entre o Concello, Fomento e a Xunta de Galicia para estudar as posibilidades existentes para acadar a intermodalidade.

O alcalde tamén lle expuxo o malestar existente no Concello pola intención de Adif de privatizar o estacionamento da praza da Estación dada a ausencia de bolsas de aparcamento libre existentes en Vilagarcía. Neste punto, Pastor emprazou ao rexedor a abordar o asunto directamente cos responsables de Adif.