Fomento informa de xeito favorable á Vía Verde na antiga liña do ferrocarril entre Vilagarcía e Portas

Umia
23 de maio 2016

Este informe implica dar traslado da iniciativa ao  Administrador de Infraestruturas Ferroviarias (ADIF) e un paso adiante para facela realidade. O Concello de Vilagarcía deu a coñecer a noticia este luns despois de recibir un comunicado asinado polo subdirector xeral de Planificación Ferroviaria do Ministerio de Fomento, Jorge Ballesteros

Estación de tren de Vilagarcía
Estación de tren de Vilagarcía / Juan Mejuto

O Ministerio de Fomento emitiu un informe favorable ao proxecto conxunto de Vilagarcía, Caldas e Portas para converter a antiga liña do ferrocarril entre Vilagarcía e Portas na primeira Vía Verde integramente galega. Este informe implica dar traslado da iniciativa ao Administrador de Infraestruturas Ferroviarias (ADIF) e un paso adiante para facela realidade.

O Concello de Vilagarcía deu a coñecer a noticia este luns despois de recibir un comunicado asinado polo subdirector xeral de Planificación Ferroviaria do Ministerio de Fomento, Jorge Ballesteros, informando deste informe favorable.

O comunicado de Fomento recibido polo Concello recoñece que o tramo Portas-Rubiáns "de la antigua línea Redondela-Santiago" está actualmente "sin servicio ferroviario" e de aí a súa disposición a que poida converter en "senda verde peatonal", de todo o cal dá traslado ao ADIF.

Con esta resolución, os concellos implicados xa poden avanzar na redacción da memoria que deberán presentar diante da Fundación de Ferrocarriles Españoles (FFE), que é o órgano que xestiona este tipo de actuacións cuns estándares de calidade moi altos. O seguinte paso será que os técnicos dos tres concellos elaborarán a memoria de recursos turísticos e medioambientais de cada un dos tramos para logo poñelos en común. 

Unha vez recabada toda a información e redactada a memoria valorada, o documento final presentarase na Fundación de Ferrocarriles Españoles ao fin de lograr a cualificación de "Vía Verde", marca da que é propietaria a FFE, pero tamén noutras administracións para xestionar as axudas ás que teñan dereito para converter esta senda nun novo referente turístico como a primeira Vía Verde que discorra integramente por terras galegas.

Segundo recorda o Concello a través dun comunicado, a posibilidade de converter este tramo do antigo trazado de Vilagarcía a Pontevedra, construído hai máis de 115 anos, foi unha das cuestións que lle planteou o alcalde vilagarcián, Alberto Varela, á ministra de Fomento, Ana Pastor, na reunión que mantiveron o 4 de maio en Pontevedra