Salva o Tren alerta de que a Vía Verde supón "aniquilar" o desenvolvemento das comunicacións ferroviarias da comarca

Umia
26 de maio 2016

A plataforma cre que este proxecto é unha "ocorrencia" que, lonxe de crear futuro e desenvolvemento na comarca, "profundará máis se cabe no abandono da mesma", enterrando definitivamente a posibilidade de recuperar a comunicación ferroviaria co resto de Galicia

Estación de tren de Pontevedra
Estación de tren de Pontevedra / Mónica Patxot

A plataforma Salva o Tren alerta de que o proxecto de Vía Verde entre Vilagarcía e Portas supón "aniquilar dunha plumada o desenvolvemento das comunicacións ferroviarias da comarca". Tras facerse público que o Ministerio de Fomento emitiu un informe favorable ao proxecto conxunto dos concellos de Vilagarcía, Caldas de Reis e Portas para a transformación da antiga liña de ferrocarril entre Vilagarcía e Portas en Vía Verde, o colectivo volveu a criticar a iniciativa

Salva o Tren cre que este proxecto é unha "ocorrencia" que, lonxe de crear futuro e desenvolvemento na comarca, "profundará máis se cabe no abandono da mesma", enterrando definitivamente a posibilidade de recuperar a comunicación ferroviaria co resto de Galicia.

Ademais de estar convencidos de que se perderá definitivamente a posibilidade de recuperación da comunicación ferroviaria, os membros deste colectivo alertan de que a proposta de Senda Verde provocará un gasto inicial aproximado dun millón de euros e está abocado a terminar sendo "pasto do abandono".

Para facer esta última afirmación baséanse na situación actual da senda de 800 metros de lonxitude entre Portas e Caldas de Reis, que se construíu co obxectivo de unir peatonalmente ambas as localidades. Segundo indican, é moi transitada, está iluminada, garante a seguridade de lles persoas e se a estación de Portas fose unha realidade, sería o camiño natural que deberían percorrer os veciños de Caldas de Reis para acceder ao tren rexional, pero actualmente "a falta de conservación e limpeza fan que se estea convertendo nunha selva urbana".

"Se os concellos de Caldas de Reis e Portas non están a velar pola conservación desta senda urbana de só 800 metros, alguén pode crer que unha Senda Verde de 9 quilómetros, produto do desmantelamento da actual vía do ferrocarril, e que discorrerá polo medio do monte, vai ser mantida adecuadamente?", pregúntanse desde Salva o Tren.