Ana Pastor e Ángel Moldes defenden que unha saída da AP-9 en Portosanto sería "viable, económica e útil"

Poio
26 de novembro 2021

Ana Pastor e Ángel Moldes, xunto aos deputados nacionais Diego Gago e Juan Constenla, visitaron a zona para explicar a emenda que sería "viable, económica e útil para os veciños e para todos os usuarios da autoestrada". A actuación, valorada inicialmente en 300.000 euros, daría servizo a unha zona con máis de 13.000 veciños  

Visita de Ana Pastor e Ángel Moldes ao núcleo de Portosanto
Visita de Ana Pastor e Ángel Moldes ao núcleo de Portosanto / PP de Poio

A vicepresidenta do Congreso e ex ministra de Fomento, Ana Pastor, e o presidente do PP de Poio, Ángel Moldes, visitaron este venres o núcleo de Portosanto para explicar a emenda presentada polo grupo parlamentario popular aos Presupostos Xerais do Estado de 2022 para a creación dunha saída da AP-9 neste punto.

Pastor e Moldes estiveron acompañados dos deputados nacionais Diego Gago e Juan Constenla e membros do grupo municipal e destacaron que esta emenda que supón unha actuación non só para Poio, senón para toda a comarca de Pontevedra e o Salnés que sería "viable, económica e útil".

"Cremos que é unha actuación moi necesaria", destacou Moldes, que sinala que facer unha saída na AP-9 permitiría aos usuarios que veñan dirección Vigo puideran saír en Portosanto sen ter necesidade de ir ao Nó de Bombeiros ou á Ponte da Barca. Polo tanto, permitiría acceder directamente ao Concello de Poio desde a autoestrada neste lugar da parroquia de San Salvador.

Moldes subliñou que agora mesmo o 90% da vía que conecta coa autoestrada xa é de dobre sentido, polo que realmente o que se tería que construír sería o carril de deceleración para permitir a saída, conectando coa PO-309.

Tería, ademais, unha vantaxe, que a parcela sobre a que habería que actuar, de arredor de 1.000 metros cadrados, xa é de titularidade estatal. Polo tanto, "non tería moito custo, conlevaría pouca obra e a cambio faría moito para mellorar o tráfico e a mobilidade en toda a zona".

Moldes destacou que a actuación permitiría a eliminación de vehículos pesados e turismos da zona da Barca, desconxestionando a actual saída da autoestrada Pontevedra Norte e a PO-308, eliminando moitas retencións e permitindo unha circulación máis fluída, ao proporcionar unha saída directa.

Esta nova conexión daría servizo directo ás parroquias de San Salvador e San Xoán, con máis de 13.000 veciños beneficiados directamente.

Ana Pastor destacou tamén outra das emendas presentadas polo PP, para a construción dunha senda entre A Seca e Combarro, que daría continuidade á senda entre Campelo e A Seca, construída durante o Goberno de Mariano Rajoy, con Ana Pastor como Ministra de Fomento.

A vicepresidenta do Congreso amosou a súa sorpresa por que algúns grupos políticos votasen no Congreso en contra destas dúas iniciativas, como a da saída de Portosanto, "que cun coste reducido, de 300.000 euros solucionaría un problema moi importante". 

Engade Pontevedra Viva como fonte preferida de Google de balde

Mantente informado coas últimas noticias de actualidade.

Activar agora