Ana Pastor pregunta ao Goberno polos prazos da A-57 e que aclare que autovías terán peaxes

Pontevedra
18 de agosto 2019

O PP de Pontevedra rexistrou, a través dos seus deputados no Congreso, Ana Pastor e Diego Gago, senllas preguntas reclamando ao goberno de Pedro Sánchez que "aclare o seu anuncio sobre a imposición de novas peaxes nas autovías"

Obras da Autovía A-57 en Marcón
Obras da Autovía A-57 en Marcón / Diego Torrado

O PP de Pontevedra rexistrou, a través dos seus deputados no Congreso, Ana Pastor e Diego Gago, senllas preguntas reclamando ao goberno de Pedro Sánchez que "aclare o seu anuncio sobre a imposición de novas peaxes nas autovías e que informe aos pontevedreses sobre cales serían as autovías afectadas na provincia e a canto ascendería o importe para abonar por cada usuario pola utilización das mesmas".

Os deputados nacionais do PP de Pontevedra mostraron a súa preocupación sobre "o prexuízo que supoñería para os propios usuarios, para o transporte comercial, así como para a chegada de turistas, o anuncio de posible implantación de peaxes nas autovías da provincia" e esixiron ao presidente do Goberno que "non encareza máis as comunicacións coa capital e o resto da Meseta".

Así mesmo, Ana Pastor tamén pediu ao goberno "Cal é o grao de execución do tramo Vilaboa – A  Ermida?" das obras da autovía A-57 "necesarias para a construción da circunvalación de Pontevedra".

Finalmente, a  exministra pontevedresa tamén pregunta "Cal é a data prevista de finalización, tendo en conta que as obras comezaron en outubro de 2015 cun prazo de execución de 40 meses?".

 

Engade Pontevedra Viva como fonte preferida de Google de balde

Mantente informado coas últimas noticias de actualidade.

Activar agora
Arquivado en