Ana Pontón acusa a Xunta de discriminar a veciñanza de Ons no acceso á Illa

Bueu
20 de agosto 2019

Cre que a administración galega emprega o cupo de persoas que poden ter acceso para limitar a presenza de habitantes que teñen unha casa en Ons. A portavoz do BNG comprométese a levar ao Parlamento galego o debate sobre o dereito á propiedade das vivendas e un plan para xestionar a illa

Félix Juncal e Ana Pontón na entrada do Concello de Bueu con veciñanza de Ons
Félix Juncal e Ana Pontón na entrada do Concello de Bueu con veciñanza de Ons / BNG

Ana Pontón, portavoz nacional do BNG, visitaba este martes o Concello de Bueu para manter unha xuntanza co alcalde Félix Juncal. Ademais, a representante nacionalista entrevistouse con representantes veciñais da Illa de Ons, que amosan a súa preocupación pola decisión da Xunta de Galicia de limitar o acceso á illa a través dun sistema de cupo de entrada.

A máxima representante do BNG considera que a Xunta de Galicia provocou un problema ao limitar o dereito destas persoas a acceder as súas casas neste territorio. Considera que se trata dunha decisión "arbitraria" coa que a administración autonómica ataca á riqueza de patrimonio inmaterial que contén este espazo natural.

Ana Pontón amosou a súa preocupación porque a Xunta trate mellor ás persoas que van de visita que a aquelas que fixeron "posible que Ons exista". Por este motivo reclama á Xunta unha solución rápida a través dunha declaración do valor da veciñanza e o recoñecemento do acceso en liberdade á illa, ademais de asumir o dereito á propiedade das persoas que historicamente residiron alí.

Tamén pide que o goberno de Núñez Feijóo estableza un plan de xestión, en colaboración co Concello de Bueu e representantes veciñais, para ordenar este espazo natural.

Neste sentido, durante a visita que realizou ao municipio acompañada polo deputado Luís Bará, Pontón anunciou que o BNG presentará no Parlamento iniciativas para preservar a illa e a pegada humana na súa contorna, ademais de abrir o debate sobre o dereito á propiedade das vivendas e un plan para xestionar este espazo natural.

Félix Juncal, alcalde de Bueu, anunciaba que o Concello retirará o seu apoio á Declaración de Patrimonio da Humanidade a Ons se a Xunta non atende ás demandas veciñais. Acusou tamén a Xunta de intentar manter un "control total sobre Ons" a través da proposta de crear un carné á veciñanza para acceder á illa. Neste sentido, pregúntase por que este carné non se exixe para acceder ás Illas Cíes.

Por último, desde o goberno municipal anuncian que o vindeiro domingo vai celebrarse a festa de San Xaquín en Ons como se ten realizado tradicionalmente.