Ana Pontón, portavoz nacional do BNG, participaba este venres 14 no centro multiusos de Marín na presentación de Lucía Santos como candidata nacionalista á alcaldía de Marín nos próximos comicios municipais. Pontón na súa intervención sinalou a necesidade de darlle un cambio de rumbo aos municipios e poñer en marcha políticas transformadoras para mellorar a vida das persoas e puxo como exemplo os concellos onde goberna o BNG como Pontevedra, Poio, Moaña ou Bueu.
A líder do Bloque considera que Lucía Santos é unha persoa "íntegra, leal e honesta". Incidiu en que se trata dunha muller con liderado, capaz de crear equipo e que traballa para construír un futuro mellor para a veciñanza de Marín co obxectivo de dar un novo rumbo á política local.
Lembrou que Marín continúa perdendo poboación e desde que goberna o PP a vila conta con 1.700 habitantes menos, mentres que nos municipios do Morrazo e Pontevedra, a poboación aumenta. Ana Pontón afirmou que o BNG ten proxecto para Marín para prosperar e mellorar confiando nas propias forzas.
No acto tamén participou a alcaldesa de Allariz, Cristina Cid, e asistiron o alcalde de Poio, Luciano Sobral, ou o de Bueu, Félix Juncal; ademais de representantes do goberno de Pontevedra, Barro e Moaña.
A portavoz nacional do Bloque manifestou ante os asistentes que o BNG é referente en políticas transformadoras e asegurou que cando a formación nacionalista goberna mellora a vida das persoas creando vilas e cidades máis accesibles, conservando o patrimonio, recuperando espazos públicos, dinamizando a economía e creando emprego.
Tamén tivo palabras sobre a situación de Ence reclamando a súa marcha da ría e de Marín asegurando que o BNG non acepta que ningunha empresa pretenda saltarse a lei ou facer unha lei á súa medida en contra do interese da maioría para sentenciar cun "Ence si, pero fóra da Ría de Pontevedra".
Pontón comezou a súa intervención lembrando ás vítimas do Villa de Pitanxo e trasladando todo o agarimo e solidariedade ás súas familias apoiando a súa petición de baixar ao barco e fágase xustiza. A representante nacionalista destacou tamén a importancia que o sector pesqueiro ten para Marín e defendeu o dereito de Galicia a pescar.