Suba de impostos ás eléctricas, proposta de Ana Pontón en Pontevedra fronte a crise de prezos

Pontevedra
18 de novembro 2022

A portavoz nacional do Bloque Nacionalista Galego presentou no Hotel Galicia Palace a súa campaña 'Contra a crise de prezos, hai alternativa'. Quere que "pague máis quen máis ten" e denuncia o "pelotazo fiscal" de 34 millóns de euros que, segundo afirma, destina o goberno do PP ás grandes fortunas

Presentación da campaña do BNG 'Contra a crise de prezos hai alternativa'
Presentación da campaña do BNG 'Contra a crise de prezos hai alternativa' / Mónica Patxot

Ana Pontón, portavoz nacional do BNG, presentaba este xoves no Hotel Galicia Palace a campaña 'Contra a crise de prezos, hai alternativa'. Durante a súa intervención pediu unha saída xusta á crise reclamando medidas valentes. Avoga por unha proposta fiscal centrada na suba de impostos ás compañías eléctricas e ás grandes fortunas co obxectivo de recadar 180 millóns de euros.

"Que pague máis, quen máis ten" é a premisa da formación nacionalista ante unha situación económica que afoga ás familias. Por este motivo, considera que debe cargarse impositivamente ás empresas do lobby eléctrico ao que acusa de "forrarse" coa crise con beneficios que considera unha "estafa inaceptable".

A alternativa do BNG pasa, segundo expuxo, por un canon eólico que deben pagar estas empresas en función da potencia asignada aos parques e non en función do número de muíños, que permitiría que o goberno obtivese 25 millóns extra. Ademais, tamén propón subir o imposto por dano ambiental provocado polos encoros, obtendo 24 millóns máis para as arcas públicas e, por último, un novo imposto ambiental para as redes de alta tensión, que permitiría recadar un millón de euros.

Pontón acusou o goberno do Partido Popular de realizar un "pelotazo fiscal" de 34 millóns de euros beneficiando ás 7.700 persoas con máis patrimonio de Galicia. O BNG, pola súa banda, aposta por unha proposta fiscal para reducir a 300.000 euros o mínimo exento no imposto de patrimonio descontando o valor catastral da vivenda habitual. Esta decisión supoñería, segundo a líder nacionalista, a incorporación de 60 millóns adicionais ás arcas públicas.

Neste evento participaron tamén o alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores; a concelleira de Poio, Marga Caldas; e a secretaria xeral de Galiza Nova, Marta Gómez. Durante o acto anunciouse a manifestación prevista en Santiago o domingo 18 de decembro para reclamar medidas que permitan a saída da crise actual.