Ana Pontón aposta por Lucía Santos para dar un "novo rumbo" a Marín

Marín
15 de outubro 2022

A portavoz nacional do BNG participou na presentación de Lucía Santos como candidata nacionalista á alcaldía de Marín nun acto que se celebraba no centro multiusos da vila. Pontón indicou que o Concello precisa un cambio a favor da veciñanza

Ana Pontón con Lucía Santos do BNG de Marín BNG

Ana Pontón, portavoz nacional do BNG, participaba este venres 14 no centro multiusos de Marín na presentación de Lucía Santos como candidata nacionalista á alcaldía de Marín nos próximos comicios municipais. Pontón na súa intervención sinalou a necesidade de darlle un cambio de rumbo aos municipios e poñer en marcha políticas transformadoras para mellorar a vida das persoas e puxo como exemplo os concellos onde goberna o BNG como Pontevedra, Poio, Moaña ou Bueu.

A líder do Bloque considera que Lucía Santos é unha persoa "íntegra, leal e honesta". Incidiu en que se trata dunha muller con liderado, capaz de crear equipo e que traballa para construír un futuro mellor para a veciñanza de Marín co obxectivo de dar un novo rumbo á política local.

Lembrou que Marín continúa perdendo poboación e desde que goberna o PP a vila conta con 1.700 habitantes menos, mentres que nos municipios do Morrazo e Pontevedra, a poboación aumenta. Ana Pontón afirmou que o BNG ten proxecto para Marín para prosperar e mellorar confiando nas propias forzas.

No acto tamén participou a alcaldesa de Allariz, Cristina Cid, e asistiron o alcalde de Poio, Luciano Sobral, ou o de Bueu, Félix Juncal; ademais de representantes do goberno de Pontevedra, Barro e Moaña. 

A portavoz nacional do Bloque manifestou ante os asistentes que o BNG é referente en políticas transformadoras e asegurou que cando a formación nacionalista goberna mellora a vida das persoas creando vilas e cidades máis accesibles, conservando o patrimonio, recuperando espazos públicos, dinamizando a economía e creando emprego.

Tamén tivo palabras sobre a situación de Ence reclamando a súa marcha da ría e de Marín asegurando que o BNG non acepta que ningunha empresa pretenda saltarse a lei ou facer unha lei á súa medida en contra do interese da maioría para sentenciar cun "Ence si, pero fóra da Ría de Pontevedra".

Pontón comezou a súa intervención lembrando ás vítimas do Villa de Pitanxo e trasladando todo o agarimo e solidariedade ás súas familias apoiando a súa petición de baixar ao barco e fágase xustiza. A representante nacionalista destacou tamén a importancia que o sector pesqueiro ten para Marín e defendeu o dereito de Galicia a pescar.