Ana Pontón rodéase de pontevedreses ante o "gran reto" de liderar Galicia en 2024

Pontevedra
07 de novembro 2021

Que Galicia teña en 2024 unha presidenta nacionalista, Ana Pontón. Ese é o "gran reto colectivo" que se marca o BNG, convencido de que xa son unha "alternativa real" ao PP tras superar unha situación "complexa" e situarse como segunda forza no país

Asemblea nacional do BNG
Asemblea nacional do BNG / BNG

Que Galicia teña en 2024 unha presidenta nacionalista, Ana Pontón. Ese é o "gran reto colectivo" que se marca o BNG, convencido de que xa son unha "alternativa real" ao PP tras superar unha situación "complexa" e situarse como segunda forza no país.

Así o destacou a propia Pontón na asemblea nacional do BNG celebrada na Coruña e que volveu demostrar a importancia adquirida por Pontevedra no seo da organización. 

A executiva nacional do partido, o principal órgano de xestión, volverá a contar co pontevedrés Luis Bará como número 2. Ademais, entre os seus dezanove membros tamén estarán Carme da Silva e Eva Vilaverde, ambas concelleiras na cidade de Pontevedra.

A eles súmanse tamén o marinense Bieito Lobeira, o deputado Manuel Lourenzo, voceiro municipal en Soutomaior; Montserrat Prado, referente do BNG na comarca do Salnés; ou a portavoz no Parlamento Europeo, Ana Miranda, natural de Cuntis.

Ademais, no consello nacional, que se completará nas vindeiras semanas coas representantes das comarcas, tamén estarán as pontevedresas Marta Gómez e Sabela Bará ou o ex portavoz nacional do partido, Guillerme Vázquez, entre outros.

"FAGAMOS HISTORIA ABRINDO UN TEMPO NOVO"

Ante a asemblea, Ana Pontón pediu aos seus compañeiros traballar para "facer historia abrindo un tempo novo de futuro e esperanza para os galegos e as galegas", apuntando que a "fortaleza" do BNG  "está na xenerosidade, na lealdade e na unidade de criterio e de acción".

Para iso, identificou "tres fitos camiño do goberno": ensanchar a base social do partido, aumentar a representación nos concellos e incrementar a presenza no Congreso e na Eurocámara para "ter as mans libres para defender Galicia sen submisión ao centralismo".

"O reto que colectivamente queremos lograr é construír un proxecto ganador capaz de disputarlle a hexemonía ao PP, ser unha forza de maiorías para liderar o país", sentenciou.

Por iso, Pontón recalcou que "fronte á crise, nacionalismo; fronte a frustración, a ilusión que representa o BNG", convidando a traballar "sen descanso coa man tendida, cun sorriso nos labios e con razóns que cheguen ao corazón" para lograr unha Galicia "máis igual, máis xusta, máis democrática, máis feminista e máis sustentable, na que vivir e traballar".