Anabel Gulías defende en Valencia o modelo urbano pontevedrés na recepción institucional ao Forum Civinet

Pontevedra
18 de maio 2017

Os concelleiros de Promoción da Cidade e de Mobilidade, Anabel Gulías e Demetrio Gómez, participaron este xoves na sinatura do Acordo de Valencia sobre mobilidade sustentable proclamado no VIII Forum Civinet España-Portugal, que esta rede de 35 cidades celebra na cidade do Turia

Anabel Gulías no Forum Civinet
Anabel Gulías no Forum Civinet / Concello de Pontevedra

Os concelleiros de Promoción da Cidade e de Mobilidade, Anabel Gulías e Demetrio Gómez, participaron este xoves na sinatura do Acordo de Valencia sobre mobilidade sustentable proclamado no VIII Forum Civinet España-Portugal, que esta rede de 35 cidades celebra na cidade do Turia.

Segundo informaron dende o Concello pontevedrés, o alcalde de Valencia, Joan Ribó, agradeceu "a vocación de exemplo e o modelo urbano de Pontevedra".

Ribó, sinalan fontes municipais, "citou expresamente que Pontevedra é un exemplo pola recuperación do espazo público, a mobilidade en xeral e particularmente a infantil, e que a súa experiencia está servindo a moitas cidades para optar por modelos semellantes". Foi durante a recepción coa que deu comezo a primeira xornada do Forum Civinet, introducido polas presidencias conxuntas de Santander e Torres Vedras (Portugal).

Anabel Gulías tamén participou nun foro político xunto aos concelleiros de Valencia, Santander, Torres Vedras, Funchal, Murcia, Sant Joan Despí (Área Metropolitana de Barcelona), Cascais, Alcobendas e Braga, e tamén o alcalde de Irún.

Os procesos de participación eran o tema a debate, que se xerou sobre todo arredor dos temores que a poboación ten habitualmente ante os cambios operados na mobilidade.

"Sempre que se loita contra os privilexios duns poucos ante aparentes dereitos moi consolidados, como a prioridade do automóbil nas cidades, xorden conflitos inevitablemente, pero está na man da cidadanía o cambiar o estado de cousas, xa que aos catro anos poden mandarnos para casa", dixo Anabel Gulías, quen subliñou que Pontevedra "realiza numerosas asembleas abertas nas que veciñas e veciños poden expresarse directamente sen intermediarios".

"Paga a pena loitar pola utopía da calidade urbana", engadiu.