Andrés Díaz, "agradecido" polo desbloqueo da Central de Transportes de Ponte Caldelas

Ponte Caldelas
12 de setembro 2019

Díaz lembra que durante este tempo por Ponte Caldelas pasaron media ducia de empresarios interesados en instalarse na Reigosa e dende o Concello tiveron que dicirlles que "estábamos incapacitados" para darlles licenza

Central de transportes de Ponte Caldelas
Central de transportes de Ponte Caldelas / Concello de Ponte Caldelas

O alcalde de Ponte Caldelas, Andrés Díaz, celebra que tras tres anos de "bloqueo" a Xunta de Galicia poña fin ao abandono que sufría a Central de Transportes da Reigosa. Asegura estar "agradecido" por esta decisión aínda que considera "incrible" que este espazo leve tanto tempo nesta situación e "sen xustificación algunha".

Díaz lembra que durante este tempo por Ponte Caldelas pasaron media ducia de empresarios interesados en instalarse na Reigosa e dende o Concello tiveron que dicirlles que "estábamos incapacitados" para darlles licenza.

"O certo é que a Xunta estivo impedindo a chegada de empresas a Ponte Caldelas durante tres anos", engade o rexedor.

O motivo é que eses terreos están afectados por un Plan Sectorial de Incidencia Supramunicipal, ou sexa, que son de competencia exclusiva urbanística da Xunta de Galicia. 

A Xunta inicialmente deseñounos para cinco grandes parcelas para empresas de distribución, pero como non lograba vendelas decidiu dividilas en pequenas parcelas.

Sen embargo, recorda o alcalde, ao facelo quedaba tamén obrigada a aprobar un regulamento que fixase os novos fondos edificables, os muros de peche, as alturas e o resto dos datos urbanísticos que serven para facer un proxecto "pero non o fixo".

"Agardamos que a Xunta de Galicia teña aprendido a lección de que o bloqueo non é o xeito correcto de relacionarse cun concello polo mero feito de que sexa doutra cor política", explica Andrés Díaz.

Considera que esa conduta foi unha "falta de respecto" para os empresarios que non puideron desenvolver os seus proxectos, polos posibles postos de traballo que se perderon e para todos os veciños e veciñas de Ponte Caldelas.