Andrés Díaz pide a Núñez Feijóo un "Plan Concellos" para repartir o financiamento municipal

Ponte Caldelas
08 de setembro 2018

Un novo xeito de distribuír fondos entre os concellos de menos de 20.000 habitantes, na liña do Plan Concellos da Deputación de Pontevedra. É a petición que, a través dunha carta, fai o alcalde de Ponte Caldelas, Andrés Díaz, ao titular do goberno galego, Alberto Núñez Feijóo

Andrés Díaz e Alberto Núñez Feijóo, na entrega das Bandeiras Azuis Concello de Ponte Caldelas

Un novo xeito de distribuír fondos entre os concellos de menos de 20.000 habitantes, na liña do Plan Concellos da Deputación de Pontevedra. É a petición que, a través dunha carta, fai o alcalde de Ponte Caldelas, Andrés Díaz, ao titular do goberno galego, Alberto Núñez Feijóo.

Nela, Díaz subliña que é "necesario" un cambio de modelo que faculte a todos os alcaldes e alcaldesas de Galicia, con independencia da súa cor política, para determinar os usos finalistas dos cartos do financiamento autonómico no marco duns criterios básicos.

O alcalde asegura que no municipalismo galego hai un "sentir xenérico" ao respecto da "escasa transparencia e igualdade" no reparto dos fondos que a Xunta de Galicia destina aos concellos. É, denuncia, un reparto "minifundista e caótico" que se traduce nun gran número de subvencións sen concorrencia competitiva e moitos cartos repartidos en convenios  "a dedo".

A carta, na que Andrés Díaz solicita unha entrevista ao presidenta da Xunta, céntrase tamén en temas locais de Ponte Caldelas e comeza por volver a reclamar o acondicionamento da PO-234 nos dous tramos que faltan por executar neste termo municipal.

Ademais, solicita a apertura inmediata da Casa da Quintán para dedicar o  edificio a usos sociosanitarios ou que acabe o bloqueo urbanístico da Central de Transportes da Reigosa.

Por último, o alcalde tamén reclama que se corrixa o "abandono" do colexio da Reigosa por parte da Consellería de Educación, que se nega a construír un comedor escolar que amplíe o seu horario e un ximnasio que mellore as instalacións.