Andrés Díaz recórdalle ao PP que o novo céspede de Chan da Barcia foi unha promesa "incumprida" por Louzán

Ponte Caldelas
12 de novembro 2015

"O que está claro é que agora tócanos a nós xestionar este novo problema que non resolveu cando puido o anterior presidente da Deputación", sinalou Andrés Díaz quen manifestou o desexo do novo equipo de goberno de facer o necesario para poder resolver esta cuestión da mellor maneira posible ante a importancia que ten esta infraestrutura deportiva para o municipio

O alcalde de Ponte Caldelas, Andrés Díaz, visita as instalacións da depuradora cedida á Xunta
O alcalde de Ponte Caldelas, Andrés Díaz, visita as instalacións da depuradora cedida á Xunta / Concello de Ponte Caldelas

Para o Concello de Ponte Caldelas é "prioritaria" a renovación do céspede de herba artificial do campo de fútbol de Chan da Barcia, pero recórdalle ao PP -que este mércores criticaba que non se fixera esta actuación- que foi unha promesa preelectoral feita polo anterior presidente da Deputación, Rafael Louzán, e que deixou sen executar, "pese a contar con 20 millóns de euros de libre disposición para poder efectualo".

"O que está claro é que agora tócanos a nós xestionar este novo problema que non resolveu cando puido o anterior presidente da Deputación", sinalou Andrés Díaz quen manifestou o desexo do novo equipo de goberno de facer o necesario para poder resolver esta cuestión da mellor maneira posible ante a importancia que ten esta infraestrutura deportiva para o municipio.

O alcalde lembrou que aínda non está totalmente definido o novo modelo de xestión e funcionamento da Deputación sobre estes campos de fútbol, promovidos polo ente provincial e que se atopan en moitos casos chegando ao final da súa vida útil "polo que tamén temos que agardar a ver que solución se arbitra desde aí".

Andrés Díaz recoñeceu que o custe económico desta intervención no campo de fútbol de Chan da Barcia é moi elevado "polo que teremos que procurar a participación do maior número de administracións públicas" para atopar unha solución satisfactoria e que "permita seguir gozando dunhas axeitadas instalacións" a todos os seus usuarios.