Anduxía urxe un estudo integral do estado dos acuíferos da illa de Ons e o risco de salinización

Bueu
31 de maio 2023

A solicitude responde á súa inquedanza ante as obras de aumento capacidade depósitos de auga que se van a levar a cabo na illa de Ons, pertencente ao Parque Nacional das Illas Atlánticas, co fin de solucionar os problemas de abastecemento ocasionados pola seca do pasado verán

Illa de Ons Xunta

Anduxía, a asociación ecoloxista de Bueu, ven de solicitar á Dirección Xeral de Patrimonio Natural da Consellería de Medio Ambiente que se realice un estudo integral do estado dos acuíferos da illa de Ons e o risco de salinización dos mesmos.

A solicitude responde á súa inquietude ante as obras de aumento capacidade depósitos de auga que se van a levar a cabo na illa de Ons, pertencente ao Parque Nacional das Illas Atlánticas, co fin de solucionar os problemas de abastecemento ocasionados pola seca do pasado verán.

Esta asociación ecoloxista considera que os problemas de subministración de auga "son un problema estrutural que vén arrastrando desde hai moitos anos como consecuencia da excesiva presión turística que soporta a illa". Anduxía sinala que nos últimos anos Ons está a sufrir un aumento progresivo de visitantes chegándose na actualidade aos 140.000 visitantes anuais, cifra que practicamente triplica o número de visitantes de hai 20 anos. 

"Trátase por tanto dun problema de capacidade de carga turística da illa e non dun problema de infraestruturas de abastecemento de auga para os veciños ou residentes", din desde Anduxía.

De feito, é o mesmo problema que sofren as illas Cíes desde hai décadas, sosteñen "por moitas obras que se fagan a auga dispoñible nestes pequenos arquipélagos nunca vai ser suficiente para a cantidade de persoas que os visitan e pernoitan neles".

No caso da illa de Ons, a maioría da auga consómese no Curro, onde se atopan os servizos hostaleiros e os puntos de recepción de visitantes. "Con todo, non se tomou nestas zonas ningunha medida que permita controlar, aforrar e optimizar o uso da auga a pesar do solicitado por esta asociación en escritos anteriores", como son as chaves difusoras, cisternas eficientes nos baños, contadores de control de auga, entre outras medidas.

Anduxía cre que deberían aproveitarse as anunciadas obras de ampliación da depuradora de Ons para dotar os baños públicos e os dos servizos hostaleiros de auga reciclada.

Ademais este colectivo ecoloxista chama a atención sobre as captacións de mananciais naturais que abastecen os depósitos, "moitas vivendas e restaurantes e tamén o cámping, teñen pozos de barrena dos que fan uso no verán". Neste sentido demandan que se realice un estudo do estado dos pozos e acuíferos da illa de Ons para evitar a salinización dos mesmos.

Tamén piden que, no caso de producirse unha situación de seca grave como o ano pasado, se rebaixe temporalmente o número de visitantes adecuando as cotas diarias a dispoñibilidade de auga da illa.