Ángel Moldes: "Se hai unha desgracia e os bombeiros non chegan a tempo a única responsable vai ser a presidenta da Deputación"

Pontevedra
23 de decembro 2017

O voceiro do Partido Popular na Deputación de Pontevedra, Ángel Moldes, lamenta que a institución provincial quedara soa na negativa á comarcalización dos parques de bombeiros

Ángel Moldes, na súa etapa como portavoz do Partido Popular na Deputación de Pontevedra Mónica Patxot

"A ver que vai dicir a partir de agora se ocorre algo. Esperemos que non pase nada, pero se ocorre unha desgracia e os bombeiros non chegan a tempo a única responsable será a presidenta da Deputación, Carmela Silva". Así de directo e contundente se amosou o voceiro do PP na Deputación de Pontevedra, Ángel Moldes, que lamenta que a institución provincial sexa a única das deputacións galegas que se desmarca da proposta da Xunta de Galicia de comarcalizar os parques de bombeiros.

O voceiro popular considera que "é a mellor solución e os alcaldes sábeno e así o pediron. Había unha petición formal dos alcaldes de Ponte Caldelas, Barro, Poio ou Marín e incluso o alcalde de Pontevedra vía ben a comarcalización pero resultou que a que tivo que dar a nota sen propoñer nada foi a presidenta da Deputación de Pontevedra".

Moldes lamenta que "o que serve para as demais deputacións, para a FEGAMP e para todos os alcaldes da comarca, sen excepcións, non sirva para Carmela Silva que en teoría debería representar aos concellos da provincia".

A Xunta de Galicia, segundo explica Moldes, quería acabar cunha problemática que sofren os concellos da comarca de Pontevedra e aportaron unha solución que corrixiría esa problemática de emerxencias de maneira que a eses concellos puideran ir os bombeiros que estiveran máis próximos.