Ángel Ruibal asume as rendas da Policía Local de Pontevedra

Pontevedra
22 de xaneiro 2020

A Policía Local de Pontevedra estrea novo xefe. Trátase de Ángel Ruibal, inspector principal deste corpo policial, que substituirá a Daniel Macenlle, despois do seu nomeamento como director xeral de Protección Cidadá e Emerxencias

Ángel Ruibal
Ángel Ruibal

A Policía Local de Pontevedra estrea novo xefe. Trátase de Ángel Ruibal, inspector principal deste corpo policial, que substituirá a Daniel Macenlle, despois do seu nomeamento como director xeral de Protección Cidadá e Emerxencias.

Así o acordou a concellería de Protección Cidadá, que tivo que tomar esta decisión ante os cambios na xefatura da Policía Local provocados polo ascenso de Macenlle e o outro intendente principal, José Manuel González Abal, o novo director xeral de Persoal.

O cargo de Ángel Ruibal, que asinou este mércores o seu nomeamento, será de carácter provisional, segundo lembrou o Concello.

A súa xefatura será interina mentres que o goberno municipal convoca un concurso público para cubrir a vacante que deixa libre Daniel Macenlle.

Ruibal era, ata o de agora, un dos dous inspectores principais da Policía Local de Pontevedra, corpo no que protagonizou unha exitosa carreira profesional desde o seu ingreso no ano 1985.

Durante estes case 35 anos de servizo só estivo fóra da cidade durante un ano, época na que estivo a traballar en Ferrol.