Ángela Paz e o Colexio de Avogados, premios Cidade de Pontevedra 2016

Pontevedra
11 de xaneiro 2017

Ángela Paz gañou como persoa física por unanimidade e o xurado destacou que é unha activista social dinámica. Mentres que o Colexio de Avogados obtivo o premio ás persoas xurídicas con ampla maioría, agás unha abstención, por ofrecer asesoramiento gratuíto ás persoas en situación de desafiuzamento

Nova Xunta de Goberno do Colexio de Avogados
Nova Xunta de Goberno do Colexio de Avogados / Colegio Provincial de Abogados de Pontevedra

Foi unha decisión difícil pola cantidade e calidade dos candidatos que se presentaron para obter o Premio Cidade de Pontevedra 2016. Así expresaba a presidenta da comisión de Cultura, Carmen Fouces, á saída da reunión do xurado as dificultades que se atoparon para tomar unha decisión sobre quen debía levar os premios nesta edición.

Finalmente, o xurado decidiu que Ángela Paz se fixera, co apoio unánime, co premio ás persoas físicas mentres que o Colexio de Avogados de Pontevedra levase o de persoa xurídica. 

Ángela Paz García, segundo Carmen Fouces, obtivo o premio por ser unha activista social e dinámica, que leva moitos anos no movemento social e que, a pesar de sufrir unha enfermidade crónica, decidiu crear un colectivo como a Asociación Socio Sanitaria Educativa Inflamatoria Intestinal (ASSEII), que recolle os intereses polo traballo social e polas necesidades que teñen os enfermos.

Ademais logrou desenvolver iniciativas vangardistas como a de lograr acordos para aparcar en carga e descarga para que as persoas con estas doenzas poidan realizar as súas necesidades e utilizar os servizos de cafeterías sen necesidade de consumir.

Fouces destacou tamén o labor que desempeñaron Lourdes Domínguez, Antón Sobral e Verísimo Pazos, polos seus logros deportivos, artísticos e como líder do movemento veciñal.

Pola súa banda, o Ilustre Colexio de Avogados de Pontevedra lograba o premio de persoas xurídicas por propoñer un convenio que garante a atención gratuíta a persoas en perigo de desafiuzamento, a pesar de que deixaron de cobrar polos seus servizos profesionais nestes casos.

Ese acordo co Concello de Pontevedra foi pioneiro e serviu como referente para que a Xunta de Galicia asinase outro similar para toda a comunidade. "Ten un plus comparativamente con outros candidatos porque non adican o seu tempo libre, senón o seu traballo", afirmou Fouces.

O Colexio de Avogados obtivo o apoio de todos os membros do xurado, salvo unha abstención. 

A presidenta da comisión destacou tamén o traballo que desempeñan o resto de candidatos: Difusión Felina, Asociación Boa Vida, Solidariedade Internacional, Amigos da Pontevedrada e HQR. 

Os premios serán entregados nun pleno que se desenvolverá o 20 de xaneiro, coincidindo co día de San Sebastián, patrón da cidade.