Ángeles Vázquez e Jorge Cubela avalían vías de colaboración en materia de saneamento

Cerdedo Cotobade
19 de febreiro 2025
Actualizado: 13:14

A maiores, durante a reunión, a conselleira e o rexedor coincidiron na necesidade de seguir acometendo actuacións de cara a garantir a protección e preservación do patrimonio natural da localidade

Reunión da conselleira co alcalde de Cerdedo Cotobade
Reunión da conselleira co alcalde de Cerdedo Cotobade /

A conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez, e o alcalde de Cerdedo-Cotobade, Jorge Cubela, avaliaron vías de colaboración en materia de saneamento e patrimonio natural nunha reunión que mantiveron recentemente.

Segundo indicou a conselleira, esta colaboración enmarcaríase no "compromiso da Xunta de continuar prestando o seu apoio técnico e económico aos concellos para que poidan exercer as súas competencias de saneamento e abastecemento de xeito máis eficiente e prestar servizos de calidade á súa veciñanza".

A maiores, durante a reunión, a conselleira e o rexedor coincidiron na necesidade de seguir acometendo actuacións de cara a garantir a protección e preservación do patrimonio natural da localidade. Nese senso, cómpre lembrar que o río Lérez, que cruza o concello, está incluído dentro da Rede Natura 2000.

GRUPO SOCIALISTA

O grupo parlamentario do Partido Socialista esixiulle á Xunta que garanta o saneamento e depuración de augas en todas as parroquias de Cerdedo-Cotobade "en igualdade de condicións".

A deputada Paloma Castro cualificou de "incomprensible" que o PP votara en contra da proposición non de Lei que levou este mércores á Comisión de Infraestruturas que se celebrou hoxe no Parlamento para reclamarlle á Xunta que execute as obras pendentes e que son "inviables" para o Concello e os particulares.

A responsable socialista advertiu que a día de hoxe moitas das localizacións do Concello aínda dependen de pozos negros ou fosas sépticas porque carecen de rede de sumidoiros, o que supón unha solución "medioambientalmente pouco eficiente".

Lembrou que nos últimos anos os avances foron "moi escasos, incluso inexistentes na parte alta do Concello", e puxo como exemplo a parroquia de Tenorio, onde despois dun investimento de máis de 2 millóns de euros, a día de hoxe segue sen entrar en funcionamento a nova depuradora que está construída dende 2020.