Animalistas desaconsellan a solta de parrulos no estanque das Palmeiras

Pontevedra
22 de novembro 2016

A asociación animalista Libera presentou unha suxerencia no rexistro do Concello de Pontevedra solicitando que non se liberen animais vivos nunha contorna pública e teme que estas aves poidan reproducirse incontroladamente como sucedeu en Santiago de Compostela

Estanque de parrulos nas Palmeiras (arquivo)
Estanque de parrulos nas Palmeiras (arquivo) / Diego Torrado

O colectivo animalista Libera reaccionou ante o anuncio do Concello de Pontevedra de reformar o estanque das Palmeiras e retomar a imaxe tradicional deste emprazamento coa solta de patos nas Palmeiras. Libera entende que non resulta adecuado que leve a cabo esta solta de animais vivos nunha contorna pública.

A presenza de animais en semi-catividade nun recinto público supoñería obrigacións adicionais en materia de benestar animal, civismo e seguridade cidadá.

Alegan desde a asociación animalista que non resultaría estraño ver aves agredidas por cans sen correa, dificultades para manter o estanque en boas condicións hixiénico-sanitarias ou situacións de malos tratos de persoas irresponsables. Inciden en que os animais estarían expostos a unha alimentación inadecuada e a condicións de vida problemáticas nunha zona pola que pasan numerosas persoas a diario.

Sinalan que non todos os veciños avalan a presenza de parrulos, ocas ou cisnes no recinto das Palmeiras e esta situación provocaría queixas veciñais por ruídos e sucidade. Lembran que na última presenza destas aves no estanque existía un vixiante para atender aos animais e tamén para evitar roubos.

Ademais, Libera fai referencia á mala experiencia de Santiago de Compostela na contorna do Auditorio de Galicia onde as aves reproducíronse de forma incontrolada provocando que se tivesen que crear bebedoiros e comedores para atender a toda a poboación, ademais de ser un perigo para o tráfico rodado nos arredores.

Neste sentido, a asociación considera "incongruente" que o Concello de Pontevedra expoña programas de redución de determinadas aves, como pombas e gaivotas, mentres realiza unha solta de patos nas Palmeiras.