Os animalistas propoñen substituír os animais por robots na cabalgata de Reis

Pontevedra
03 de xaneiro 2017

A Asociación Animalista Libera sinala que os animais sofren tensións e poden provocar accidentes ante o bulicio. Animan ao Concello de Pontevedra a "evolucionar" como xa fixeron outros municipios coas súas cabalgatas

Festival Itineranta en Pontevedra
Festival Itineranta en Pontevedra / Juan Mejuto

A Cabalgata de Reis é un momento de ilusión e divertimento para miles de nenos e maiores en Pontevedra, pero o uso continuado de animais vivos como cabalos, dromedarios ou camelos é, para a Asociación Animalista Libera, un tema "pendente a resolver" por parte do goberno local e por iso o colectivo expuxo a substitución por robots "animatrónicos".

Os animalistas sinalan que os seres vivos son sometidos durante estes traxectos a "importantes contextos de tensións, incrementando o risco de xerar accidentes ou outro tipo de situacións negativas, ademais de rexeitar que haxa que seguir empregando animais para representacións históricas ou infantís, existindo suficientes alternativas para contratar por parte dos consistorios".

No caso de Pontevedra, os activistas subliñan a posibilidade de cambiar os animais por robots ou por carrozas mecánicas, como sucede noutras localidades.

A Asociación Animalista Libera entende "necesaria" a "actualización" desta representación festiva, para "apostar polo benestar animal" e tamén como forma de "eliminar de maneira progresiva o convenio de aluguer que Michelena mantén coa praza de touros", xa que os animais son aloxados cada ano no coso.

Os animalistas sosteñen que a Cabalgata de Reis "non se resentirá en absoluto en popularidade e asistencia".