Propoñen un referendo sobre o convenio taurino que sexa vinculante para o próximo goberno local

Pontevedra
28 de marzo 2017

A plataforma Galicia, Mellor Sen Touradas cren que a maioría da cidadanía pontevedresa ve con malos ollos o acordo de aluguer e suxire modificar as actividades da 'Feira Franca' para deixar de empregar o coso

Manifestación antitouradas 2016 polas rúas de Pontevedra
Manifestación antitouradas 2016 polas rúas de Pontevedra / Cristina Saiz

A plataforma Galicia, Mellor Sen Touradas propuxo este martes a "delegación" da decisión sobre o convenio de aluguer entre a praza de touros e o Concello de Pontevedra na realización dunha consulta cidadá que vincule a futura acción do próximo goberno local neste asunto.

Os abolicionistas consideran que a maior parte dos pontevedreses "ve con malos ollos un acordo que xa custou máis de 700.000 euros ás arcas municipais desde o ano 2000" e que, na práctica, "supón un desembolso económico en favor duns empresarios que organizan corridas de touros, o que implicaría un subsidio indirecto desta cruel actividade".

Con máis de 102.000 firmas reclamando unha cidade do Lérez 'contraria ás corridas de touros' na plataforma de activismo dixital Change.org, a coalición de entidades abolicionistas advirte que o referendo é a fórmula que "garantiría a maior participación cidadá e un gran grao de lexitimidade social para avalar unha hipotética supresión do convenio".

Os abolicionistas tamén suxiren modificar as actividades da 'Feira Franca' para deixar de empregar o coso.