Ante os malos tratos, un roubo ou unha estafa, dous consellos: "sexan precavidos e denuncien"

A Lama
04 de maio 2018

O tenente da Garda Civil de Pontevedra Roberto Prado Fontán ofreceu este xoves unha charla a unha vintena de persoas de idade avanzada da Lama no marco do denominado Plan Maior de Seguridade, dirixido á prevención e mellora da seguridade das persoas maiores

Charla do Plan Maior de Seguridade da Garda Civil na Casa do Pobo da Lama Guardia Civil de Pontevedra

Se é vostede unha persoa maior ou se ten algunha preto, conviría que tivese en conta algúns consellos básicos de seguridade para previr ser vítima dun delito ou, no caso de que xa se produciu, minimizar as consecuencias. Algúns deles aparecen recollidos nesta información e poden resumirse en dúas liñas básicas, "sexan precavidos e denuncien". 

Así llo trasladou este xoves o tenente da Garda Civil de Pontevedra Roberto Prado Fontán a unha vintena de persoas de idade avanzada da Lama que se achegaron á charla organizada na Casa do Pobo no marco do denominado Plan Maior de Seguridade, que promove o Ministerio do Interior dirixido á prevención e mellora da seguridade das persoas maiores e que no rural da comarca asume a compañía da Garda Civil de Pontevedra. 

O tenente xa deu charlas de similar contido en localidades como Poio, Ponte Caldelas, Cerdedo-Cotobade, Vilaboa ou os municipios do Morrazo e valora que, en xeral, o resultado é positivo, cunha implicación elevada das persoas maiores participantes e moito feedback, que lles permite testar a sensación de seguridade que teñen as persoas maiores dos distintos puntos xeográficos cuxa seguridade corresponde á Garda Civil. Na Lama non foi diferente. 

A charla deste xoves tivo dous eixos centrais ao redor de dúas tipoloxías de delitos dos que as persoas maiores teñen máis probabilidades estatísticas de converterse en vítimas: os roubos, furtos e estafas por unha banda e os malos tratos por outra, xa sexa "físico; psíquico, sobre todo, por parte de familiares; ou económico". 

En relación cos malos tratos, o consello que lles trasladou o tenente Fontán é "que denuncien, que acudan ao servizos sociais ou ao cuartel sen ningún tipo de temor". Nos últimos tempos xeneralizouse este tipo de comportamento por parte de familiares que converten aos seus maiores en "o chibo espiatorio de todo o que pasa" e, para erradicalo, o Plan Maior insiste moito en trasladar que "non hai por que estar nunha situación de malos tratos ou mesmo nunha situación de desamparo cando non os levan ao médico". 

En canto aos furtos, roubos e estafas, adoitan ser os delitos máis frecuentes que sofren as persoas maiores. Na zona da Lama non se detectou unha especial incidencia, pero o Plan Maior teñen fins fundamentalmente preventivos, de modo que nesta charla expóñenselle casos reais de delitos sufridos por outras persoas maiores para aumentar a súa conciencia de que tomen todas as precaucións posibles e explicarlles como actuar. 

Nas zonas do rural adoitan ser habituais as estafas telefónicas ou as do falso instalador ou revisor da luz e o gas, de modo que o tenente Fontán recomendoulles "que sexan desconfiados" ante calquera persoa descoñecida que chame á súa porta ou lle telefone. Tamén adoitan producirse roubos aproveitando que a casa está temporalmente deshabitada e, nese punto, o consello pasa por deixar unha xanela semiabierta, unha luz acesa ou un temporizador e pedir a alguén que lle baleire a caixa de correos regularmente. Ademais de pechar sempre moi ben a porta, por suposto. 

Na Lama, como noutras moitas localidades, adoita resultar habitual a asistencia a feiras, nas que o consello pasa por ter coidado e desconfiar se se lle achega un descoñecido ou lle abraza coma se coñecéselle, ten moitas posibilidades de estar a piques de converterse na nova vítima do denominado "furto do abrazo". 

Á hora de ir ao banco tamén convén ser precavido. Non se debe ir os días de maior afluencia nin sempre o mesmo día e tampouco levar moito diñeiro encima e, moito menos, todo xunto no mesmo lugar. Respecto diso, un dos asistentes trasladou ao tenente Fontán que el adoita levalo gardado nos calcetíns, ao que a resposta é sempre a mesma: "cada un utiliza o método que quere, se lle vai ben, pero, sobre todo, que sexan precavidos".