Un total de dez candidaturas optarán este ano aos premios Cidade de Pontevedra. Así se confirmou despois de que este xoves finalizase o prazo para presentar as propostas. En concreto, haberá catro candidatos ao premio na categoría de persoa física e outros seis na de categoría de persoa xurídica. E a maioría ten un notable perfil de corte social.
Nas últimas horas presentáronse dúas candidaturas para recoñecer o labor de persoas físicas que contribuíron a engrandecer o nome de Pontevedra. Trátase do pintor Antón Sobral e do dirixente veciñal Verísimo Pazos.
A candidatura de Antón Sobral foi presentada pola federación de asociación de veciños Teucro, ao entender que debe recoñecerse a súa calidade artística e o seu labor como promotor cultural na cidade do Lérez; mentres que Verísimo Pazos foi proposto por Pilar Señoráns, pola súa traxectoria no asociacionismo veciñal.
Pola súa banda, o Colexio de Avogados de Pontevedra e a ONG Solidariedade Internacional tamén optarán ao premio, pero no seu caso, entre as entidades, asociacións ou colectivos que destacaron polo seu labor na cidade durante o último ano.
Os avogados pontevedreses foron propostos pola asociación Rexurdir, para recoñecer especialmente o seu traballo no servizo de xustiza gratuíta e para frear os desafiuzamentos; mentres que a candidatura de Solidariedade Internacional, unha das ONG máis antigas da cidade, parte da asociación de comerciantes da galería da Oliva.
Todos eles súmanse ás candidaturas de Ángela Paz e a deportista Lourdes Domínguez, que optan ao premio na categoría de persoas físicas; e de Difusión Felina, o HQR, a asociación Amigos da Pontevedrada e a ONG Boa Vida na de persoas xurídicas.
O xurado do premio Cidade de Pontevedra reunirase o 12 de xaneiro para decidir o nome dos premiados. Estará presidido pola concelleira Carmen Fouces, presidenta da comisión municipal de Cultura, e integrado por todos os membros da comisión, un representante veciñal, un membro dunha asociación cultural e un portavoz dos medios de comunicación.
Os premios que levan o nome da cidade entregaranse nunha sesión de honras do pleno municipal que se celebrará no Teatro Principal o 20 de xaneiro, día de San Sebastián.