Anulan pola covid-19 a exhibición de maios e embarcacións na Alameda de Marín

Marín
26 de abril 2021

A xunta directiva do Ateneo Santa Cecilia nunha reunión de urxencia e diante do gran incremento de casos de covid-19 en Marín, acordou anular a tradicional Exhibición de Maios e Embarcacións na Alameda de Marín do día 1 de maio

Festa dos Maios e Embarcacións en Marín (2019)
Festa dos Maios e Embarcacións en Marín (2019)

A xunta directiva do Ateneo Santa Cecilia nunha reunión de urxencia e diante do gran incremento de casos de covid-19 en Marín, acordou anular a tradicional Exhibición de Maios e Embarcacións na Alameda de Marín do día 1 de maio.

Marín está en nivel alto de restricións e a súa mala evolución dos contaxios sitúa á localidade ás portas de subir ao nivel máximo no comité clínico deste martes.

No comunicado informativo emitido polo Ateneo indican que se mantén o concurso no que se refire á participación nos propios colexios e asociacións a onde acudirán os membros do xurado para valorar os respectivos traballos.

A organización propuxera que os diversos grupos de participantes trasladasen tanto os maios como as embarcacións á Alameda de Marín o propio día 1 de maio antes das 12.00 horas para que a xente puidese admirar os traballos realizados. 

A previsión, agora anulada, era que cada maio e barco rexistrado ía ter un lugar asignado no que permanecería ata o final do día.

Este luns empezaron os cribados con probas PCR en tres centros de Marín: o CEIP O Carballal, o CEIP da Laxe e o CEP O Sequelo.