A Xunta de Galicia está a preparar un plan para renovar integralmente, a medio prazo, o CEIP A Florida, en Sanxenxo.
Así o anunciou este venres o conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP, Román Rodríguez, acompañado do alcalde de Sanxenxo, Telmo Martín.
A actuación, avanza o goberno autonómico, suporá un investimento próximo aos 4,3 millóns de euros.
"Estamos a falar dun centro que conta con máis de 50 anos de antigüidade, cunha estrutura e accesibilidade complexa polo que, como é lóxico, precisa dalgúns axustes para adaptarse aos novos tempos", explicou Rodríguez.
"A previsión inicial é desenvolver a intervención en tres fases, das que a primeira é a que está xa máis perfilada", engadiu o conselleiro.
Esta fase inicial suporá un investimento xa de 1,8 millóns, coa previsión de que se poida comezar a tramitar ao longo do ano 2026. Incluirá "a mellora da accesibilidade do centro, así como da iluminación e ventilación natural".
O Condello de Sanxenxo adquiriu unhas parcelas anexas ao centro educativo que se aproveitarán nesta primeira fase para habilitar unha nova pista exterior cuberta con vestiarios. Ademais nos novos terreos executarase un novo acceso peonil e zona de parada de autobuses e de aparcadoiro.
As dúas fases restantes terán un orzamento aproximado de 1,2 millóns cada unha, e suporán a rehabilitación integral dos dous edificios de primaria e o de educación infantil, a mellora enerxética, a ampliación do comedor e a cociña e a ampliación do edificio de Primaria e os parques de recreo.
"Valorouse a posibilidade dun novo colexio, pero non queríamos trasladar o alumnado nin tampoco renunciar a actual ubicación deste emblemático centro educativo", afirmou pola súa banda no acto o alcalde de Sanxenxo.