Anuncian a renovación do parque infantil de San Antoniño, en Barro

Barro
25 de xuño 2026

O proxecto contempla a instalación de novos xogos e mobiliario urbano, a colocación dun pavimento absorbente de impactos de caucho ou a instalación de céspede artificial

Parque infantil de San Antoniño, en Barro
Parque infantil de San Antoniño, en Barro / Deputación de Pontevedra

A Deputación de Pontevedra financiará con 105.000 euros a renovación do parque infantil de San Antoniño, en Barro.

A actuación, anunciada este xoves polo deputado provincial Ricardo Martínez, está enmarcada no Plan +Provincia 2026-2027, que destinará ao municipio un total de 876.991 euros entre as catro liñas de 2026 e a liña 1 de 2027, á que este ano se poderá acceder de forma anticipada.

A Xunta de Goberno provincial aprobará este venres os recursos para facer posible unha intervención que "permitirá mellorar a calidade de vida das familias da zona e ofrecer aos menores un espazo máis seguro, moderno e adaptado á normativa vixente en materia de parques infantís".

O proxecto contempla unha renovación integral da área de xogo coa retirada dos elementos existentes, o pavimento de caucho e o céspede artificial.

Tamén demolerán a soleira de formigón e o bordo prefabricado, para posteriormente preparar a superficie, executar unha nova soleira, restaurar a varanda actual e habilitar un acceso en zigzag.

A actuación completarase coa instalación de novos xogos e mobiliario urbano, a colocación dun pavimento absorbente de impactos de caucho e a instalación de céspede artificial.