Barro concede licenza a TAR para construír unha nova nave industrial en Outeda

Barro
06 de xuño 2026

Con esta nova implantación, o polígono de Outeda reforza a súa posición como un dos principais focos de actividade empresarial da zona, ampliando a súa oferta de servizos especializados

Concesionario de Vehículos Industriais TAR en Ourense
Concesionario de Vehículos Industriais TAR en Ourense / Comercial de Vehículos Industriais TAR

O Concello de Barro vén de conceder a licenza de construción á empresa Comercial de Vehículos Industriais TAR S.L., que instalará no municipio as súas novas dependencias para reforzar a súa presenza no mercado galego.

Deste xeito, o parque empresarial de Outeda continúa ampliando a súa actividade económica coa incorporación dunha nova firma ao seu tecido produtivo.

A compañía, con sede de orixe en Ourense, escolleu Barro como enclave para desenvolver este proxecto empresarial, que se localizará nas parcelas E-5 e E-6 do sector E do polígono industrial.

A actuación supón un novo impulso para unha área empresarial que nos últimos anos experimentou un notable crecemento.

Segundo o proxecto autorizado, a empresa levantará unha nave de 1.672 metros cadrados de superficie construída.

As instalacións albergarán un taller especializado en servizos mecánicos para vehículos industriais, así como unha zona de exposición e comercialización de vehículos comerciais e industriais da marca MAN.

O investimento previsto para a execución das obras alcanza os 550.000 euros, unha cifra que reforza a capacidade do polígono para atraer proxectos empresariais de relevancia e xerar novas oportunidades económicas na comarca.

O alcalde de Barro, Xosé Manuel Fernández Abraldes, valorou moi positivamente a chegada desta nova actividade ao municipio.

O rexedor destacou que a decisión da empresa de instalarse en Outeda confirma o atractivo que Barro exerce actualmente para os investidores e para aquelas compañías que buscan localizacións estratéxicas para medrar.

Fernández Abraldes salientou tamén que a incorporación de TAR contribúe a consolidar o parque empresarial como un referente comarcal, especialmente no ámbito dos servizos.

É a través dun modelo baseado na implantación de empresas sostibles, xeradoras de emprego e comprometidas co desenvolvemento económico do territorio.